O Armadiña Rock muda o formato e substitúe a súa edición 2020 por unha pioneira publicación de banda deseñada

Pontevedra
30 de decembro 2021

O Armadiña Rock Fest 2020, que tivo que suspenderse o pasado mes de agosto en Combarro por mor da pandemia da covid-19, acaba de mudar de forma, pasando de evento musical a publicación de banda deseñada. Tomará a forma da publicación O último festi

Presentación da publicación ‘O último festi’
Presentación da publicación ‘O último festi’ / Deputación de Pontevedra

O Armadiña Rock Fest 2020, que tivo que suspenderse o pasado mes de agosto en Combarro por mor da pandemia da covid-19, acaba de mudar de forma, pasando de evento musical a publicación de banda deseñada. Tomará a forma da publicación O último festi.

A deputada de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, presentou esta publicación este martes acompañada pola presidenta do colectivo Armadiña, Luz Fontán, o ilustrador e coordinador Kiko da Silva e os autores da mesma, Pablo Prado e Fernando Llor. 

O último festi conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades.

O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro. Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR

Os protagonistas do libro celebrarán o seu último festival visitando os lugares onde transcorre o festival no recinto histórico de Combarro, transmitindo o fomento e conservación do patrimonio material e inmaterial grazas a creación de varias localizacións clave, en base do traballo que investigación e recompilación que realizaron a Comisión Organizadora do Armadiña.

A Deputación colaborou coa edición desta publicación polo seu novidoso formato, pois é a primeira vez que un festival de música se converte en literatura en formato cómic en lingua galega. Ademais, a edición de O último festi supón achegar unha temática diferente e orixinal á literatura galega e unha clara aposta pola edición de banda deseñada na lingua galega.

A publicación ten 32 páxinas a cor do guionista Fernando LLor, nomeado mellor guionista español de cómic, e o debuxante Pablo Prado, que acaba de adaptar á banda deseñada a novela de Berta Dávila O derradeiro libro de Emma Olsen, obra editada pola editorial Galaxia.

Luz Fontán destacou que é unha adaptación novidosa e permite que o festival teña unha edición na ficción ao non poder celebrarse en vivo, onde habitualmente acoden unhas 25.000 persoas. Segundo explicou, "que nós saibamos é o primeiro festival do mundo en plasmarse en banda deseñada, en viñetas".

Kiko da Silva subliñou que foi "tremendamente chamativo" que, fronte á maioría de festivais que, cando cancelaban pasaban ao formato dixital, chamasen do Armadiña para ir ao analóxico e ao papel e destacou que esta publicación permitirá que o Armadiña permaneza nos andeis das bibliotecas mantendo a esencia, incluíndo a música a través dos códigos QR. 

Pablo Padro destacou que o seu obxectivo na parte gráfica foi a través da cor e o debuxo transmitir a sensación e a experiencia forte da vivencia do festival e do seu son e Fernando Llor asegurou que trasladar a papel un festival foi un "desafío complicado e difícil" cun resultado que vai gustar porque "reflicte a esencia, coa historia de catro chavales e chavalas (…) que viven as aventuras típicas dunha BD".