O Armadiña Rock chega en banda deseñada para revivir o festival de todos os veráns

Poio
29 de xullo 2020

A Asociación Armadiña anunciaba días atrás que non ían facer o festival coma sempre, mais iso non quere dicir que non vaia haber Armadiña Rock. Como este ano non se poderá gozar dos concertos na vila, dende a organización crearon o Armadiña Rock en banda deseñada para revivir a festa de todos os veráns

O Armadiña Rock en banda deseñada
O Armadiña Rock en banda deseñada / ACDeM Armadiña

A Asociación Armadiña anunciaba días atrás que non ían facer o festival coma sempre, mais iso non quere dicir que non vaia haber Armadiña Rock. Como este ano non se poderá gozar dos concertos na vila, dende a organización crearon o Armadiña Rock en banda deseñada para revivir a festa de todos os veráns.

Durante esa fin de semana de agosto Combarro lucirá a súa cara máis Armadiña adaptándose ao que a nova realidade require. Contarán con mais sorpresas, nun novo formato con diferentes actividades que irán anunciando nas vindeiras semanas.

Con esta banda deseñada a asociación pretende "facer unha homenaxe aos que nos visitades cada ano e que nos dades forzas para continuar facendo o noso festival".

Moitos dos que van ao Armadiña Rock acampan na Reiboa, achéganse camiñando até Combarro e gozan dende as sesións vermús até os concertos da noite. A banda deseñada conta unha historia que podería ser a calquera dos milleiros de persoas que pasaron polo festival de Combarro nos últimos anos.

A escola profesional de banda deseñada, O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko da Silva, plasmou esta idea nunhas viñetas. O traballo correu a cargo de Fernando LLor, considerado o mellor guionista do Estado de banda deseñada no 2019 e Pablo Prado, que ven de publicar "O derradeiro libro de Emma Olsen" coa editorial Galaxia.

Esta banda deseñada é a primeira edición que fan dende a Armadiña.