O Ano María Victoria Moreno converterá Pontevedra en capital das letras en 2018

Pontevedra
29 de decembro 2017

O Concello e a Real Academia Galega se reúen para fixar a programación, que buscará implicar a toda a cidadanía. O propio 17 de maio a RAG celebrará o acto de honra no Teatro Principal, virará ao redor da figura de María Vitoria Moreno o Salón do Libro Infantil e Xuvenil e haberá actividades todo o ano

Reunión entre o Concello de Pontevedra e a Real Academia Galega para falar do Ano María Victoria Moreno
Reunión entre o Concello de Pontevedra e a Real Academia Galega para falar do Ano María Victoria Moreno / Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra será no ano 2018 "capital das letras e da lingua galega" con motivo da celebración dun ano enteiro adicado á escritora e mestra María Victoria Moreno Márquez, á que se lle adica o Día das Letras Galegas. Así o anunciaron este venres o alcalde de Pontevedra e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Miguel Anxo Fernández Lores e Víctor Freixanes.

Lores; Freixanes; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; e a escritora e académica Marilar Aleixander mantiveron unha reunión de traballo para fixar os detalles da programación deste ano no que María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres; 1 de mayo de 1939 - Pontevedra, 22 de noviembre de 2005) será a protagonista.

Ao remate da xuntanza, destacaron que a homenaxeada é extremeña só de nacemento, "por azar", pero galega e pontevedresa "como hai que selo, porque decidiu selo" ou, o que é o mesmo, "por elección e de corazón". Todos incidiron no seu vínculo con Pontevedra, a cidade na que pasou máis anos da súa vida, na que desenvolveu a parte central da súa carreira de mestra e a súa obra literaria.

De cara á programación deste ano no que Pontevedra será capital das letras, explicaron que buscará implicar a toda a cidadanía e que "non se trata de facer moitas cousas, senón de facelas ben". Segundo avanzaron, o propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, a RAG celebrará o acto de honra no Teatro Principal, pero tamén xirará arredor da figura de María Victoria Moreno o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e haberá actividades ao longo de todo o ano.

Freixanes tamén destacou que a elección de María Victoria Moreno foi resultado de moita reflexión e debate e baseouse en catro factores. O primeiro foi "a calidade da súa obra", que, ademais, está adicada a lectores novos aos que se lle ofrece a posibilidade dun achegamento á lingua galega. O segundo motivo foi a súa condición de mestra, pois deixou unha "pegada importantísima" en moita xente e, ademais de homenaxeala a ella, tamén se reivindica o traballo dos mestres.

O terceiro factor foi que non naceu en Galicia e é unha excusa para recordar a todos os que "non son galegos por nacemento, senón porque deciden selo" e xente chega de fóra e "demostra que Galicia ten capacidade de atracción". O cuarto factor é que era muller e a RAG aposta por darlle ás mulleres o oco que merecen na institución e na vida real.

O presidente da RAG e tamén o alcalde de Pontevedra aproveitaron para reivindicar a necesidade de que as mulleres acaden cotas de representatividade e destacaron que, por exemplo, as tres últimas académicas que entraron na RAG e as cinco últimas académicas correspondentes eran mulleres. Tamén a cuarta académica xa aprobada e que aínda non ingresou oficialmente, a xornalista e escritora Ana Romaní.

"Non é unha cuestión de xustiza, é unha cuestión de realidade", destacou Freixanes, ao que Lores engadiu que a incorporación da muller á Academia "é marabillosa" e que el é partidario da discriminación positiva que permita ás mulleres o lugar que lles corresponde na sociedade.

En relación con María Victoria Moreno, Lores destacou que "o que máis sinto é que María Victoria non estea aquí exercendo", pois trátase dunha persoa que defendía o galego e a cultura "sen ningún tipo de ambaxes, como deberían facelo a maioría dos galegos" e sendo un exemplo de como hai que defender a lingua galega. Ademais, destacou a súa condición de mestra, unha profesión desde a que "axudou a amar o idioma".

Pola súa parte, Marilar Alexander, tamén galega de adopción e por elección, quixo reivindicar a faceta de mestra de María Victoria Moreno, pois ella mesma deixou escrito que se tivera que escoller entre ser escritora e profesora, elixiría esta última profesión. Ademais, destacou que xa ensinaba galego durante o Franquismo, cando aínda era una actividade subersiva que lle supuxo a reitrada do pasaporte, e tamén que durante moitos anos introducía nas clases de literatura española tamén leccións de lingua galega.