O Ano Castelao chega ao Grove coa obra teatral 'A Lingua na Boca'

O Salnés
09 de xullo 2016

A representación será este domingo, 10 de xullo, a partires das 21.00 horas na rúa Pratería. Limiar Teatro ofrece unha obra creada especificamente para achegar, dun xeito contemporáneo e atractivo, a figura de Castelao ao público actual

'A lingua na boca', de Limiar Teatro
'A lingua na boca', de Limiar Teatro / Limiar Teatro

Este domingo, 10 de xullo, a partir das 21.00 horas, O Grove acollerá na rúa Pratería a representación da obra 'A lingua na boca', dentro da programación teatral do Ano Castelao organizado pola Deputación de Pontevedra.

Este espectáculo de Limiar Teatro foi creado para achegar de forma contemporánea e atractiva a figura de Alfonso Rodríguez Castelao ao público máis novo. Os actores Fran Núñez e Brais Iriarte utilizan música, humor e narración oral para ofrecer esta perspectiva nunha montaxe de rúa.

A obra parte de textos do propio político galeguista combinados con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do autor. As historias acompáñanse por actuacións con instrumentos como a guitarra, o contrabaixo, frautas e melódica.

A proposta ofrece unha homenaxe ao legado artístico de Castelao e percorrerá os 62 concellos da provincia durante os meses de verán.