O Ameixa Rock consegue a colaboración económica solicitada e volverá soar en Carril

O Salnés
28 de agosto 2024

A décima edición deste modesto festival organizado pola Asociación Ameixa Rock desenvolverase o 7 e 8 de setembro en Carril, Vilagarcía. A perda dun dos seus principais patrocinadores fixo perigar a súa continuidade polo que abriron unha iniciativa de financiamento colectivo

Concerto no Festival Ameixa Rock de Carril
Concerto no Festival Ameixa Rock de Carril

O Festival Ameixa Rock de Carril cumprirá os seus dez anos no calendario estival de Vilagarcía. Unha edición que se atopou coa perda dun dos seus principais patrocinadores e que levou á organización para abrir unha iniciativa de financiamento colectivo a través de Verkami.

Esta colaboración pecharase o próximo día 2 de setembro e restan uns 200 euros para alcanzar esa cifra solicitada de 2.000 euros. Este festival non cobra entrada, pero dada a conxuntura, si abren a posibilidade a que o público asistente poida facer unha doazón en concepto de entrada solidaria.

"Por agora todo vento en popa. Dun tempo para acó a xente envorcouse moito, desde veciños, establecementos, e mesmo o Concello implicouse algo máis e por iso poderase facer, doutro xeito tería sido imposible", explica Elpidio Costa desde a organización do evento.

Reivindica a presenza de festivais modestos como é este porque "no caso de artistas e bandas, sabendo o complicado que é atopar unha sala para que ofrezan concertos, son festivais como este onde poden comezar a familiarizarse cos escenarios para chegar un día a un Son do Camiño".

O programa do sábado 7 de setembro comezará ás 10.30 horas cunha visita guiada á Illa de Cortegada, que require reserva previa, do mesmo xeito que a saída vespertina prevista ás 16.30 horas. Ás 13.30 horas Suso Aboy ofrecerá unha sesión dj familiar na praia da Covacha cun carácter moi particular. Na sesión estará acompañado da súa filla interpretando e explicando a historia de temas icónicos do rok e do pop.

Ás 20.45 sesión con Dj Fangueira. Ás 21.15 horas tomarán o relevo os novísimos Rompekalaveras, ás 22.00 horas The Lelli Kely's e ás 23.45 horas actuación de Grande Amore, nome artístico do proxecto de Nuno Pico que está a ter un intenso verán de actuacións e que se fixeron este 2024 cun Premio MIN (Música Independente) ao Mellor Álbum en Gallego. Completará o programa a sesión de Kris Dj coa Duendeneta a partir das 01.15 horas.

Na xornada do domingo o programa ofrece a actuación de Perfect Strangers ás 13.30 horas. As actuacións en horario diúrno ofrécense na Praza da Liberdade, mentres que as de horario nocturno ofrécense no peirao de Carril. A Asociación Ameixa Rock promove esta iniciativa mantendo o obxectivo de fomentar a lingua, cultura galega e a tradición mariñeira a través do rock.