O Museo de Pontevedra acolle a partir do vindeiro 7 de marzo no Edificio Castelao unha exposición fotográfica que recrea o regreso a Galicia dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no ano 1984.
A mostra, que abre o programa expositivo de 2024 no Museo, titúlase ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’, e conmemora o 40 aniversario da chegada dos restos de Castelao a Galicia.
A exposición artéllase arredor da crónica fotográfica daquel 24 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. Son 52 fotografías restauradas para esta ocasión.
Carballa realizou para o desaparecido semanario A Nosa Terra unha reportaxe gráfica do acontecido nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os feitos principais do retorno dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde foi soterrado.
Farase un percorrido polos intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao e polos incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval.
Ademais, exporase a obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época procedentes de coleccións particulares, o propio Museo de Pontevedra e outras institucións galegas. Con este material búscase contextualizar os anos de exilio do intelectual galeguista en Estados Unidos, Cuba e Arxentina.
Entre outras pezas, exhíbese o seu pasaporte diplomático como ministro do goberno da República no exilio, as súas estampas de guerra editadas en Shangai (China), imaxes do seu enterro en Buenos Aires e a totalidade do expediente que, entre 1937 e 1962, se lle abriu a Castelao por parte dos tribunais franquistas de 'responsabilidades políticas'.
Xosé Enrique Acuña é o comisario desta exposición, que poderá visitarse ata o 2 de xuño.
Xan Carballa (Vigo, 1960) é un reputado fotógrafo, xornalista e editor cuxa traxectoria comezou na década dos 80 para responsabilizarse, entre outros, de pioneiros proxectos editoriais, nalgún caso en colaboración co Museo de Pontevedra, nos que a figura de Castelao sería o eixe central.