O 21 de setembro, data de estrea do videoclip 'pontevedrés' de Eagles of Death Metal

Pontevedra
15 de setembro 2023

Xa hai data para poder ver o resultado do traballo que a produtora pontevedresa Producciones Mutantes fixo para a banda estadounidense Eagles of Death Metal. Será o xoves 21 de setembro no Teatro Principal

Presentación da estrea do videoclip de Eagles of Death Metal
Presentación da estrea do videoclip de Eagles of Death Metal

Xa hai data para poder ver o resultado do traballo que a produtora pontevedresa Producciones Mutantes fixo para a banda estadounidense Eagles of Death Metal. Será o xoves 21 de setembro no Teatro Principal.

Trátase dunha proxección especial, na que estará presente cunha videoconferencia o líder da banda, Jesse Hughes, e a actriz protagonista do videoclip, María Roja. A xuntanza continuará despois no Bar Diaño, na rúa Charino.

God of thunder e It’s so easy son as cancións ás que a empresa pontevedresa lles puxo imaxe, todo aderezado cunha historia común entre ambos os dous videoclips e cun tratamento de western con naves espaciais, se ben rodado en Pontevedra.

"É unha historia dividida en dúas cancións", explicou Gero Costas de Producciones Mutantes, que parte da premisa de "que pasaría se o destino da humanidade estivese en mans dunha sociópata borracha".

Esta colaboración entre Pontevedra e Estados Unidos vén de antes da pandemia, cando Producciones Mutantes decidiu por vontade propia facer o primeiro dos videoclips, peza audiovisual que chegou ata Jesse Hughes.

"Nos apetecía facer un videoclip dunha canción que nos gustase por divertirnos", subliñaron os responsables da productora. O líder da banda gozou tanto deste traballo que confiou a Gero Costas e a Romina Doce a creación dunha segunda peza, que tardou en chegar pola pandemia.

Cando a banda retomou a súa xira, volveu contactar coa productora para gravar este videoclip. "Tivemos apenas unha semana de marxe", explicaron os seus autores, que traballaron "á inversa", xa que primeiro gravaron con Jesse Hughes "e despois fixemos o resto do video".

Na produción das pezas audiovisuais Producciones Mutantes contou coa colaboración de artistas e empresas locais como Ana Seoane, Culebra Estudio, o Estudio 1917 e Faraon Graphics.

"É outra mostra do talento local, de como desde un recuncho do mapa podemos chegar e sorprender a todo o planeta. De como nomes internacionais nos escollen á hora de traballar", explicou o edil de Cultura, Demetrio Gómez. Será, dixo, unha cita "divertida e interesante".