Nuria Giménez protagoniza este venres o segundo encontro de Novos Cinemas

Pontevedra
18 de decembro 2020

E ademais...: o festival acollerá a estrea en Europa da película "¿Qué hago en este mundo tan visual?". Tamén continúan as proxeccións presenciais da Sección Oficial no Teatro Principal. Todas as películas das seccións competitivas e a selección especial 'Pasaron por Novos Cinemas' estarán dispoñibles en Filmin ata o 20 de decembro

Fotograma do filme "My Mexican Bretzel"
Fotograma do filme "My Mexican Bretzel"

A cuarta xornada de Novos Cinemas comezará ás 12 do mediodía no Museo de Pontevedra co segundo 'Encontro' do festival, nesta ocasión, será con Nuria Giménez Lorang. A directora catalá reflexionará sobre o seu mergullo no cinema de arquivo, unha experiencia que vertebra a espiña dorsal da súa primeira película, "My Mexican Bretzel", unha das longametraxes máis singulares e hipnóticas deste ano, que o domingo pechará a quinta edición do festival. 

Ás 12.30 horas, no Teatro Principal, dará comezo a proxección de "¿Qué hago en este mundo tan visual?", a primeira longa de Manuel Embalse (Arxentina), que participa dentro da sección Latexos. Este filme, que terá a súa estrea en Europa no Novos Cinemas, recolle a historia de Zezé Fassmor, un artista cego que vive en Bos Aires e que está creando o seu propio arquivo de gravacións e fotografías coa idea de que algún día a ciencia e a tecnoloxía lle axuden a volver a ver. 

O Teatro Principal acollerá a proxección doutras tres películas da Sección Oficial.

Ás 15.30 horas proxectarase "Accidental Luxuriance of the translucent watery rebus", do director croata Dalibor Baric. Este cineasta experimental válese de técnicas de colaxe para xerar uns relatos tan sofisticados como psicodélicos e explorar xéneros como a ciencia ficción e o terror.

Ás 18 horas terá lugar a estrea en España de "Si yo fuera el invierno mismo", de Jazmín López. Co seu debut "Leones" (2012), esta directora arxentina conseguía o Bisatto d'Or á Mellor Dirección en Venecia e o premio especial do xurado no BAFICI. Con esta segunda obra, na que explora o complexo do amor perdido, vén de pasar polo IFFR de Rotterdam e o Indie Lisboa.

O último pase do día será ás 21 horas con "Dramarama", a primeira película de Jonathan Wysocki, unha comedia ambientada nos anos 90 que nos introduce nunha festa de pixamas dunha pandilla de amigos que se despiden antes de comezar a etapa universitaria. 

Ademais, as películas da Sección Oficial, Sección Latexos e a selección 'Pasaron por Novos Cinemas' estarán dispoñibles na versión online do festival en Filmin.

As entradas para asistir ás proxeccións poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal de Pontevedra a partir de dúas horas antes do inicio de cada unha das sesións, tamén con peche de despacho de billetes unha hora antes do comezo do acto.