Nunha negociación contrarreloxo, o Museo de Pontevedra faise coa propiedade do Álbum Nós de Castelao

Pontevedra
17 de decembro 2020

"É unha noticia de enorme transcendencia". Así comezaba o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, o anuncio da adquisición por parte do Museo de Pontevedra do único exemplar orixinal do Álbum Nós de Castelao do que se ten coñecemento e que estivo perdido durante 85 anos

Xosé Manuel Rey, director do Museo, César Mosquera, vicepresidente da Deputación, e Carmela Silva, presidenta da Deputación, informan da adquisición do Álbum Nós de Castelao
Xosé Manuel Rey, director do Museo, César Mosquera, vicepresidente da Deputación, e Carmela Silva, presidenta da Deputación, informan da adquisición do Álbum Nós de Castelao / Mónica Patxot

"É unha noticia de enorme transcendencia". Así comezaba o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, o anuncio da adquisición por parte do Museo de Pontevedra do único exemplar orixinal do Álbum Nós de Castelao do que se ten coñecemento.

Precisamente esta era unha obra que se creu perdida ata o ano 2016. Nese momento, o equipo técnico do Museo estaba a traballar na compilación da obra orixinal do artista para a mostra Meu Pontevedra, que ía conmemorar o centenario da chegada de Castelao á cidade do Lérez.

Os conservadores Ángeles Tilve e José Manuel Castaño foron os autores do achado. Unha familia pontevedresa gardaba esta obra froito dun agasallo persoal do propio artista no ano 1935. Mais, por expreso desexo dos herdeiros, a súa identidade permanecerá no anonimato e a incógnita do por qué de tantos anos de custodia desta obra senlleira.

As estampas orixinais do Álbum Nós atópanse expostas no Museo de Pontevedra pero só como unha cesión temporal da familia propietaria, que ten a data límite do 31 de decembro de 2020. Agora, as 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o 'exlibris' que pecha o álbum pasarán a ser do Museo

Ante a posibilidade de perder para sempre esta obra clave da historia de Galicia, dado que xa se tiña constancia do interese doutras institucións e coleccionistas particulares, o Museo de Pontevedra puxo en marcha as negociacións precisas para que a obra de Castelao pase a ser propiedade do organismo provincial.

"Sabemos que era a vontade do artista porque así o manifestou en diversas ocasións", apuntaba Carmela Silva, a presidenta da Deputación, en referencia tamén a que Castelao foi un dos impulsores do Museo de Pontevedra e membro do seu padroado.

Silva destacou que "estas obras que pertencen a todo un país teñen que estar en mans do público para disfrute de todos", sinalou Silva, que destacou que este material ten unha "carga enorme" desde o punto de vista histórico, política e cultural.

 

NEGOCIACIÓNS A VARIAS BANDAS

Ademais de atar todos os cabos coa familia propietaria, coa que foi imprescindible manter absoluta discreción pois de transcender a súa identidade xa avisaran de que suspenderían calquera negociación, había que contar cunha institución que, segundo a Lei de Patrimonio ten preferencia á hora da adquisición de bens de interese cultural: a Xunta de Galicia, a través do "dereito de tanteo e retracto".

Cabía a posibilidade de que a Cidade da Cultura en Santiago fora outro espazo interesado en albergar e facerse coa propiedade do Álbum Nós. Por este motivo, o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, consultoulle se o Goberno autonómico estaba interesado en adquirir a obra. Tras estudar o asunto, a Xunta emitiu a documentación conforme desistía do seu dereito para comprar o Álbum Nós con carácter preferente e ao mesmo prezo que ofertase a Deputación.

Precisamente o custo desta adquisición é unha das incógnitas que se suman a toda esta operación. No portal de Transparencia da Deputación terá que saír publicado este montante por obriga legal. A curiosidade despexarase nos vindeiros días, cando se realicen as últimas sinaturas e se pasen os trámites administrativos finais. O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, confía en que toda esta operación estea pechada antes do remate do presente ano.

Rey destacou o "capital simbólico" que supón o Álbum Nós para esta institución, xa que lembrou que Castelao fíxoo nun momento "crucial" da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galicia e buscando espertar a conciencia colectiva.

"Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social e político e unha significación cultural e identitaria", subliñou o director do Museo, que reivindicou o papel do museo "á hora de configurar un relato lúcido sobre a guerra, a represión e o exilio que axuden a entendernos como país".

OBRA FEITA EN PONTEVEDRA

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) realizou as estampas do Álbum Nós en Pontevedra entre os anos 1916 e 1918 e expúxoas por primeira vez na Coruña en 1920. Posteriormente, entre os anos 1921 e 1924, pasarían a expoñerse en diversas cidades, como Madrid, Ourense, Ferrol, Pontevedra, Barcelona, Vigo e Santiago de Compostela.

As 49 estampas que o compoñen reflicten, a través dos debuxos e os breves textos que os ilustran, as condicións de vida do pobo galego e as lacras sociais da Galicia da época como a emigración, o caciquismo, as inxustizas sociais ou a violencia contra as mulleres.

En 1931 editaríase en formato libro na prestixiosa imprenta de Hauser y Menet de Madrid, onde se lle perde a pista ata que 85 anos despois foi localizado na casa da familia pontevedresa que vén de posibilitar que a obra orixinal quede para sempre no Museo de Pontevedra.