O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra na inauguración da exposición 'Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia' sobre a figura do ilustre polígrafo ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.
Núñez Feijóo estivo acompañado do presidente da Fundación Filgueira e fillo do homenaxeado, Xosé Fernando Filgueira; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez e do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.
O presidente do Executivo galego gabou a traxectoria de Xosé Filgueira Valverde destacando que pertence a unha xeración que se propuxo liberar a Galicia "do xeito máis fermoso: coa cultura" e describiuno como un "entrañable infiltrado da Cultura no mundo da política".
Segundo Feijóo se se eliminase da cultura galega a súa pegada, "probablemente non existiría o Seminario de Estudos Galegos, nin o Museo de Pontevedra, nin o Consello da Cultura Galega, nin traballos imprescindibles sobre literatura medieval, nin as máis fermosas páxinas do noso neotrobadorismo".
No seu discurso Núñez Feijóo resaltou que unha das características desa xeración á que pertence Filgueira foi a súa pluralidade "ninguén se consideraba máis galego que outro" e subliñou o esforzo de Filgueira Valverde "por facer de Pontevedra un faro cultural do mundo".
Pola súa banda o presidente da Deputación, Rafael Louzán, lamentou no seu discurso a ausencia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, porque "a figura de Filgueira debería estar por enriba de calquera ideoloxía", reprochou.
Louzán referíase deste modo á polémica aberta co rexedor nacionalista quen no seu día dixo que é "improcedente", que alguén tan aliñado coa ditadura recibise esta distinción xa que "Filgueira Valverde tivo unha alta actividade dentro do franquismo dende practicamente todas as responsabilidades".