Novos Cinemas daralle ao cineasta Luis López Carrasco o seu primeiro recoñecemento en solitario

Pontevedra
05 de novembro 2020

Lúa Vermella, de Lois Patiño, será a película encargada de abrir esta quinta edición do festival o próximo 15 de decembro, que clausurará My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez. Novos Cinemas e Filmin unen forzas neste 2020: a plataforma acollerá on line a Sección Oficial, a Sección Latexos e unha selección especial de filmes  

Fotograma da película "Lúa vermella"
Fotograma da película "Lúa vermella" /

A quinta edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra, Novos Cinemas, acollerá este ano un foco adicado a Luis López Carrasco, o primeiro en solitario que se adica ao cineasta. 

Luis López Carrasco (1981) é director, guionista e cofundador do colectivo audiovisual Los Hijos, dedicado ao cinema documental experimental. O seu traballo foi proxectado en numerosos festivais internacionais como Locarno, Rotterdam, BAFICI,  Viennale e en centros de arte contemporánea como o Georges Pompidou ou o Museo Nacional Reina Sofía. O FIC Mar del Prata, Distrital e Lima Independiente dedicaron retrospectivas á obra de Los Hijos. Novos Cinemas recollerá as súas obras Aliens, El Futuro e El año del descubrimiento.

Novos Cinemas 2020 celebrarase entre o 15 e o 20 de decembro e desvelou este xoves os primeiros contidos da súa programación. Ademais deste foco adicado a Luis López Carrasco, deu a coñecer as propostas que abrirán e pecharán esta edición: Lúa Vermella, de Lois Patiño, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez, que poderá verse por primeira vez en Galicia.

Estes dous últimos creadores rubrican, respectivamente, exemplos dun cinema singular e radical nos seus plantexamentos estéticos. Partindo de concepcións e formulacións aparentemente dispares, Lúa Vermella e My Mexican Bretzel semellan compartir un obxectivo común: o mergullo e a dispersión activa do espectador nunhas paisaxes que destilan tanta sensorialidade como emoción e reflexión.

Novos Cinemas apostará este ano por unha edición mixta que combinará proxeccións na cidade de Pontevedra co inicio da colaboración coa plataforma de vídeo baixo demanda Filmin. Deste xeito, o festival poderá ofrecerlle tamén de xeito online ao seu público as súas dúas seccións competitivas (Oficial e Latexos) e unha selección especial de filmes que o equipo de programación prepara para esta edición.