A sexta edición do festival Novos Cinemas, que se celebrará entre o 14 e o 19 de decembro de Pontevedra, terá unha apertura moi agardada. Servirá para estrear en Galicia o novo traballo de Marcos Nine, A Virxe Roxa (Recrea Films).
Esta nova edición do festival aposta por dúas propostas de apertura e peche á marxe de modas e correntes e guiadas pola radicalidade estética. Ademais da apertura a cargo de Marcos Nine, o peche será de Chema García Ibarra.
Así, Espíritu Sagrado (Apellaniz y de Sosa, Jaibo Films, La Fabrica Nocturna Cinéma, Teferruat Film), clausurará a sexta edición, un esperado debut na longametraxe no que se retrata unha España de barrio que colma as súas ansias de fe no sobrenatural.
A apertura e o peche estarán acompañados pola presenza dos cineastas para conversar co público asistente ao festival.
Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán “Morris” son os encargados de poñer as voces no documental de creación A Virxe Roxa, de Marcos Nine, que poderá verse en exclusiva en Galicia abrindo Novos Cinemas o 14 de decembro despois da súa estrea na Seminci.
Nel nárrase a historia de Aurora Rodríguez, que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai, que a criou e educou para que fose a libertadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaba previsto.
Por outra banda, Novos Cinemas e a ECAM suman forzas para desenvolver o obradoiro “Os entes”, impartido por Chema García Ibarra e Leo Díaz, que traballa con el nos seus proxectos dende a dirección de arte. A formación terá lugar o xoves 16 e o venres 17 de decembro na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e contará con 10 prazas con descontos para o estudantado na inscrición, que está aberta dende este venres en novoscinemas.com.