A concellería de Educación e o equipo creativo de Polo Correo do Vento xa traballan na elaboración dun novo mural no Colexio de Campolongo, dentro do programa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna'.
Kike Mauricio e Carlos Taboada, creativos de Polo Correo do Vento, proxectan unha obra na que aparecerá representado o antigo Pazo de Campolongo (Paco Leis), ademais das prácticas deportivas que se desenvolvían nas pistas adxacentes, a antiga Estación de Ferrocarril, o río dos Gafos e o seu lavadoiro, ademais do antigo cárcere onde agora se atopa o edificio da Audiencia Provincial.
Tino Fernández, concelleiro de Educación e tenente de alcalde, afirma que este mural contará tamén co protagonismo de Aurora Vidal, a mestra, poeta e académica pontevedresa que finalizou a súa carreira profesional no CEP de Campolongo. Tamén se poderán ver camelias neste traballo artístico como elemento floral co que sempre se traballa neste centro e unha pega das que habitualmente se poden ver no barrio pontevedrés.