Despois do éxito alcanzado durante o festival de Nadal, a UNED en Pontevedra volve pór en marcha un curso de Coro Aberto-Open Choir, que contará de novo como relator coa soprano e mestra de canto canadense Bonnie Marie Cooper Kowalski, Bachelor of Music da Universidade de Otawa.
Este curso está coordinado por Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, e diríxese a calquera persoa interesada en ver como funciona un coro e cantar nel.
Impartirase todos os mércores no salón de actos do centro até o 28 de maio, de 18:30 horas a 20:30 horas.
Entre os obxectivos que persegue este curso de Coro Aberto-Open Choir están aprender como quentar a voz, pór en práctica rudimentos como escalas e triadas axeitadas ao nivel do coro, cantar en grupo, ter contacto con repertorio de moitos xéneros, explorar exercicios diversos para a voz e aprender como coidar a voz para cantar en concerto.
As clases terán lugar os mércores de 18:30 a 20:30 horas durante as cales o alumnado aprenderá quecementos, ensaios de repertorio, exercicios técnicos para mellorar partes difíciles do repertorio e a preparación para un concerto.