Nove traballos xa optan ao I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil

Pontevedra
24 de febreiro 2018

As persoas interesadas en concorrer ao I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil convocado pola Concellaría de Cultura de Pontevedra en colaboración con Urco Editora aínda poden presentar os seus traballos. Poderán entregarse na sede da editorial en Santiago ata o vindeiro 28 de febreiro 

María Victoria Moreno
María Victoria Moreno / Galaxia

As persoas interesadas en concorrer ao I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil convocado pola Concellaría de Cultura de Pontevedra en colaboración con Urco Editora aínda poden presentar os seus traballos. 

Nas primeiras semanas co premio convocado xa se presentaron nove orixinais, pero aínda quedan días ata que peche o prazo de convocatoria. Segundo recollen as bases do premio, os traballos poderán entregarse ata o vindeiro 28 de febreiro

O premio convocouse con motivo da homenaxe á autora no Día das Letras Galegas e para promover unha creación literaria de calidade para o público xuvenil.

O xurado estará integrado por Carme Hermida, en representación do Concello de Pontevedra; Eli Ríos, en representación da familia de María Victoria Moreno; Montse Pena Presas, como experta en literatura infantil e xuvenil; Andrea Jamardo Seijo, en representación de Urco Editora; e Andrea Martínez, en representación do IES Torrente Ballester.

Pode concorrer calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega e cunha extensión máxima de 250.000 caracteres. Os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora (Rúa do Avío, 11 baixo - 15705 Santiago de Compostela), por correo postal ou mensaxería, sen que consten nos exterior datos identificativos da persoa autora.

Os orixinais irán acompañados dun sobre pechado que conterá a identidade da persoa autora e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.

O acordo do xurado coñecerase o próximo 23 de abril, no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A obra gañadora será publicada e o autor recibirá 4.000 euros.

Urco Editora, mediante contrato privado coa persoa autora, será a encargada da edición e publicación da mesma en lingua galega sendo a titular dos dereitos durante o seguintes cinco anos á concesión do premio.

A persoa beneficiaria do premio recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e terá dereito a unha participación proporcional nos ingresos derivados da explotación da obra. Ademais, será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.