Reinventarse ou morrer. Esa é a máxima que a Sala Karma quixo cumprir. As restricións impostas pola pandemia do coronavirus aceleraron a idea que os seus responsables tiñan para darlle un aire novo ao seu negocio, a única sala de concertos que hai en Pontevedra.
Así, Karma non regresará como discoteca. Polo menos, por agora. "Iso acabouse", confirma a PontevedraViva o seu propietario, Marcos Rivas.
A partir do próximo mes de xullo, a sala reabrirá as súas portas reconvertida nunha cervexaría. Abrirá de luns a domingo desde as oito da tarde e tamén en sesión vermú as fins de semana. Iso si, manterá a súa aposta musical con concertos acústicos e sesións DJ.
"Queremos traballar de día e que a xente nos vexa", explica Marcos Rivas, que actualmente traballa no redeseño do seu amplo local. Non abrirá máis aló das dúas da madrugada.
Haberá mesas repartidas por toda a sala e o aforo, en principio, estará limitado a unhas 50 persoas, para cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias.
"Non quero barullo. Quero un local no que a xente veña a gozar dun intre de tranquilidade e no que poida escoitar boa música en directo", engade o responsable de Karma que, ademais pedirá licenza para instalar unha terraza ao aire libre.
Ademais, Marcos Rivas adianta que Karma non cobrará entrada por acceder ao local "nin imos ter zonas VIP" porque, segundo engade, "queremos seguir sendo os mesmos de sempre" e traballar para satisfacer ao público que o apoiou todos estes anos.
Entende tamén que os grupos "queren tocar" e este novo formato permítelle manter a súa aposta musical. "É o mellor que podemos facer", defende o dono de Karma, que recoñece que esta aposta é un "paso de xigante" co que espera acertar.