Nova tempada musical da Sociedad Filarmónica de Pontevedra, e xa van 96!

Pontevedra
14 de outubro 2016

A pesar das dificultades económicas que segue atravesando a Sociedad Filarmónica de Pontevedra, a súa xunta directiva tratou de deseñar unha tempada na que primase a calidade sobre a cantidade, contando para iso coa impagable xenerosidade dos músicos.

Signun Quartet
Signun Quartet

A Sociedad Filarmónica de Pontevedra iniciará o próximo 24 de outubro a súa tempada musical número 96, e farao cun concerto de música instrumental e vogal que estará protagonizado polo conxunto Ensemble Praeteritum e a mezzosoprano Marta Infante. Será un concerto no que se poderán escoitar obras instrumentais e vogais do compositor barroco veneciano Antonio Vivaldi.

Na tempada que agora comeza, a Sociedad Filarmónica ofrecerá aos seus socios dous concertos de piano que estarán a cargo de novos intérpretes premiados no Concurso Internacional de Piano de Santander 2015. O primeiro deles será o de Jianing Kong, Terceiro Premio e Medalla de Bronce, e celebrarase o martes 15 de novembro; o segundo, protagonizarao en abril de 2017 Juan Pérez Floristán, Primeiro Premio e Medalla de Ouro do mencionado concurso. 

Tamén volverá actuar para a Sociedad Filarmónica de Pontevedra o dúo formado pola violinista Ana María Valderrama e o pianista Luís del Valle, dúo que tan bo recordo deixara da súa anterior visita a Pontevedra en 2012, cando Ana María, consagrada como unha das violinistas españolas máis aclamadas do momento, viña de gañar entón o Primeiro Premio do Concurso Internacional de Violín Pablo Sarasate. O concerto, que se celebrará no mes de decembro, servirá ademais para a presentación do seu CD Á mon ami Sarasate, un disco que está a obter un enorme éxito no mercado nacional e internacional e que mereceu críticas extraordinarias en todos os medios musicais.

A tempada pasada, os socios da Filarmónica tiveron o privilexio de gozar do que está considerado como un dos mellores cuartetos de corda do mundo, o Brentano String Quartet. Pois ben, nesta tempada farao o Cuarteto Signum, de calidade e prestixio similar ao anterior; gañadores en 2014 do "International Musica Award" pola mellor gravación dun disco de música de cámara. O Signum ofrecerá en Pontevedra dous das obras máis notables para esta formación, compostas por Schubert e Beethoven, e actuará no mes de xaneiro de 2017.

Un concerto moi especial será sen dúbida o que protagonizará en febreiro de 2017 o octeto de corda Bambú Ensemble, conxunto formado por músicos moi novos de espléndido curriculum e nado no seo da Nova Orquestra Nacional de España; un concerto co aliciente engadido de poder volver escoitar o octeto de Mandelssohn, e unha obra tan brillante como pouco coñecida como é o octeto de George Enescu.

A xunta directiva da Sociedade Filarmónica pontevedresa quixo acceder á demanda de moitos socios e programar para esta tempada un concerto dunha Bing Band. Terá lugar no mes de marzo e estará a cargo da Big Bang Band Vigo, unha banda de gran calidade que está a obter importante triunfos por toda España. Formada por quince músicos, ofrecerán unha velada de swing, blues e jazz.

Nada hai catro anos por iniciativa do saxofonista lituano de jazz Rolandas Butkevicius, a Big Bang Band Vigo ten por obxectivo reproducir a estrutura, aparencia e sonoridad auténticas das grandes big bands norteamericanas da primeira metade do século XX, como as de Glenn Miller, Benny Goodman, Duke Ellington e Count Basie. O grupo non só coida o son, tamén a súa imaxe: actúan detrás dos atrís típicos destas bandas.

No mes de abril de 2017, ademais do concerto do pianista Juan Pérez Floristán, a Sociedad Filarmónica ofrecerá a actuación do dúo formado polo gran violinista Marat Bisengaliev e o pianista Daniel del Pino.

E seguindo a liña dos últimos anos de apoio ás agrupacións galegas, a Sociedad Filarmónica pechará a tempada no mes de maio coa Orquestra Sinfónica Vigo 430. Xa actuaron para esta entidade a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e a Orquestra Gaos da Coruña. Nesta ocasión quíxose contar coa da cidade olívica, unha nova agrupación sinfónica cun futuro moi prometedor.

Con ela, ademais, actuará como solista o excelente violonchelista granadino Guillermo Pastrana, Premio "Ojo Crítico" de Radio Clásica de RNE, e todos baixo a dirección de Vicent Alberola.

Os concertos celebraranse todos no Teatro Principal e dará comezo ás 20:30 horas.

A pesar das dificultades económicas que segue atravesando a Sociedad Filarmónica de Pontevedra, a súa xunta directiva tratou de deseñar unha tempada na que primase a calidade sobre a cantidade, contando para iso coa impagable xenerosidade dos músicos.