O Liceo Casino de Pontevedra acolleu este martes a presentación de 'No solo cuatro cosas. La historia de la Galicia democrática contada por Paco Vedra', o título do libro de homenaxe ao xornalista Javier Sánchez de Dios.
Editado por Tino Domínguez, este libro recolle entrevistas e artigos inéditos nos que o xornalista fai un repaso polas últimas décadas da política galega ata o ano 2000.
Á presentación acudiu, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou as crónicas e artigos de Sánchez de Dios ao longo de toda a súa carreira, sempre vencelladas á actualidade do momento.
O presidente asegurou que o autor forma parte da historia do xornalismo galego e resaltou o seu estilo único e persoal no que apostaba por explicar o que acontecía dun modo crítico e co uso habitual da ironía.
O Salón encheuse de público onde se proxectaba un vídeo de cando o xornalista recollía o premio Castelao.
Numerosas personalidades coñecidas da política pontevedresa acudiron como o ex alcalde José Rivas Fontán; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Agustín Reguera, e o deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Tamén asistiron José Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia; Pedro Rojo, secretario xeral de Medios; e Belén Regueira, presidenta do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.