O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a concelleira de benestar social e igualdade, Ana Isabel Otero, recibiron este venres no salón de plenos do Concello ao cineasta saharaui Lafdal Mohamed Salem, nun acto co que o goberno local quixo mostrar o seu apoio á independencia do Sáhara Occidental.
O rexedor, que tamén compartiu mesa con Maite Isla, presidenta da Sociedade Galega co Pobo Saharauí, e Carmen Novas, do Cineclub Bueu, salientou que "o voso pobo transmite valores de liberdade e é coma esa chama prendida que ilumina o futuro, no que non se debería perder a identidade e a diversidade".
O cineasta mostrou a súa esperanza porque "nós cremos na nosa forza, na forza do pobo saharauí".
Lafdal recibiu de agasallo unha bandeira da vila de Bueu e varios libros de historia local e comentou que xa estivera en Galicia, concretamente a Vigo, no 1994 cando era un cativo de 12 anos no marco do programa "Vacacións en paz".
Este venres atópase en Bueu para participar na proxección solidaria que organiza o Cineclub Bueu da Escola de Formación Audiovisual ‘Abidin Kaid Saleh’, situada nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís de Tinduf (Alxeria).
O seu filme titúlase ‘En busca de Tirfas’ e nel retrata a cotiandade da mocidade nos campamentos de poboación refuxiada saharauí e a procura de oportunidades de traballo, sobre todo a tendencia da busca de diñeiro a través de proxectos laborais que non están ben planificados nin estudados.
Precisamente, Carmen Novas, da directiva do Cineclub, salientaba no recibimento deste venres que "nós cremos no poder transformador da cultura e por iso organizamos esta proxección solidaria".
Pola súa banda, Maite Isla agradeceu o apoio do Concello de Bueu coa causa, pois "non podemos esquecernos que o problema saharauí é político e que nesta batalla é importante contar co apoio sincero e solidario, para reclamar que os e as saharauís non están sos senón que estamos moitas persoas de a pé con eles e elas para que se lles devolva o que por xustiza lles pertence".
A entrada para ver o filme na Casa do Mar tivo un custe de 5 euros que se destinarán integramente a financiar as actividades formativas da Escola de Cinema Saharauí , que membros do Cineclub Bueu tiveron a oportunidade de visitar o pasado ano na Wilaya de Bojador.
O centro traballa coa filosofía de empoderar a mocidade refuxiada de forma que poidan expresarse a través da cámara, sensibilizar sobre os temas que lles preocupan e mellorar a vida das súas comunidades.
Así o explica Lafdal, que naceu e medrou nos campamentos, onde viven máis de 170.000 persoas. En 2017 graduouse na EFA e entrou a formar parte do equipo da escola. En 2022 diplomouse en Produción polo Instituto de Cine de Madrid, onde estudou durante dous anos cunha bolsa.
Dirixiu ‘Daniela, el valor de la perseverancia’ e colaborou en varias coproducións, entre as que destaca o documental ‘Hamada’, do galego Eloy Domínguez Serén. Coa súa segunda curta como director, ‘En busca de Tirfas’, acadou o Premio do Público no Festival Internacional de Escuelas de Cine de Uruguay e un 2º premio ex aequo no FiSahara 2021 .
Amais da de Lafda Mohamed Salem, a sesión tamén incluiu a proxección doutras dúas curtas.
‘El precio de la belleza’ (Ahmed Mohamed Lamin, 2020) denuncia os canons de beleza aos que están sometidas as mulleres saharauís, que utilizan productos branqueadores para aclarar a súa pel, ignorando os riscos que poden chegar a sufrir.
E en ‘Toufa’ (Brahim Chagaf, 2020) recréanse os inicios da chegada da poboación saharauí ao árido deserto da hamada. A curta narra o sufrimento de tres xeracións de mulleres saharauís, que co seu esforzo e sacrificio curaron as feridas da guerra á súa chegada ao territorio inhóspito desta parte do sur de Alxeria.