Non haberá Surfing the Lérez no 2020 na Illa das Esculturas polo coronavirus

Pontevedra
12 de maio 2020

Os organizadores aseguraron que adoptan esta decisión "pola seguridade de todos" ante a imposibilidade de celebrar o festival nun recinto como a Illa das Esculturas. Iso si, avanzan que "estamos a traballar para ofrecer algo alternativo" ao festival, que anunciarán en próximas datas

Surfing the Lérez
Surfing the Lérez / Diego Torrado

A pesar de ser algo esperado, non deixa de ser unha mala noticia. O festival Surfing the Lérez non celebrará a súa próxima edición, prevista para mediados de xuño, na Illa das Esculturas ante a crise sanitaria do coronavirus..

Os organizadores aseguraron que adoptan esta decisión "pola seguridade de todos" ante a imposibilidade de celebrar o festival nun recinto como ese.

Iso si, avanzan que "estamos a traballar para ofrecer algo alternativo" ao festival, que anunciarán en próximas datas. "Barallamos varias ideas", explica a PontevedraViva o seu director, Marcos Rivas.

Aínda que todo está aínda por pechar, a opción que cobra máis forza é traer de volta o festival ao centro da cidade e, ao estilo dos seus primeiros anos, celebrar concertos en bares e prazas. Todo iso, en colaboración co comercio e a hostalería local. Non sería, en todo caso, antes de outono.

Non haberá Surfing the Lérez como tal pero, con todo, os seus responsables quixeron manter a súa vertente solidaria: a recollida de alimentos.

Ao entender que nestes momentos hai moitas persoas que necesitan axuda e que os comedores sociais están "baixo mínimos", trasladarán esta recollida á Sala Karma.

Así, fan un chamamento para que o vindeiro sábado 16 de maio, entre as once da mañá e as oito da tarde, se poidan realizar doazóns de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, entregaranse ao Banco de Alimentos.

Todo aquel que colabore recibirá ademais un vale por unha cervexa ou un refresco na Sala Karma, El Pequeño, Groove House ou a Taberna O Salnés.