No 60 aniversario do fito histórico do 'Santa Liberdade', a Deputación publica un documental en aberto

Pontevedra
22 de xaneiro 2021

Nesta peza audiovisual recóllese o discurso do político e intelectual galeguista Xosé Velo á tripulación e aos 650 pasaxeiros do buque, que fora secuestrado o 22 de xaneiro de 1961 para chamar a atención internacional sobre os abusos dos réximes ditatoriais de Franco, en España, e de Salazar, en Portugal

Fotograma do documental "Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María"
Fotograma do documental "Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María" / Deputación de Pontevedra

O 22 de xaneiro de 1961, producíase en augas de Venezuela o secuestro do trasatlántico portugués 'Santa María', que partira desde Vigo con 650 pasaxeiros, nunha acción política para chamar a atención internacional sobre os abusos dos réximes ditatoriais de Franco, en España, e de Salazar, en Portugal. Á fronte deste movemento atopábanse os exiliados galegos Xosé Velo Mosquera e José Fernández Vázquez, alcumado Jorge de Soutomaior, e o portugués Henrique Galvão.

Sesenta anos despois da arenga de Xosé Velo á tripulación e aos pasaxeiros do buque, renomeado polos activistas como 'Santa Liberdade', e da que se fixo eco a prensa mundial, a Deputación de Pontevedra sube á súa canle de Youtube unha pequena peza documental titulada "Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María" na que se recolle este discurso e se amosan imaxes de arquivo dos feitos acaecidos hai 60 anos

Ao non ter o rexistro sonoro, ás palabras de Velo ponlle voz Aser Álvarez González, quen é tamén o produtor do audiovisual editado por Arraianos Producións, e que este venres 22 de xaneiro presentaba na sede da Deputación Provincial, xunto á deputada de Memoria Histórica, María Ortega.

Esta peza ao redor da figura do político e intelectual galeguista forma parte dun proxecto máis amplo e que se plasma no documental "Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra", que a Deputación de Pontevedra tamén ofrece en aberto.

Neste sentido, María Ortega, anunciaba que o organismo provincial está avanzando na dixitalización de parte do arquivo persoal de Xosé Velo, que foi adquirido pola Deputación a finais de 2019, e que agardan poñelo a disposición de todo o público e investigadores no portal ATOPO antes do 31 de xaneiro de 2022, día no que se conmemorarán os 50 anos do pasamento de Xosé Velo.

Ao redor desa data, xa se anuncian actos para pór en valor a achega do galeguista ás reivindicacións fronte á ditadura franquista desde o exilio e a súa pegada cultural coa creación da libraría e editorial Nós en Sao Paulo ou o feito de realizar a primeira tradución dunha obra de Rosalía de Castro ao portugués. Esta cidade de Brasil foi o último destino de Velo e a que lle deu acubillo trala acción no 'Santa Liberdade'.