Cinco letras, ningunha palabra e unha emotiva historia: "Kyoki" chega a Vilagarcía

O Salnés
27 de marzo 2025
Actualizado: 13:00

A obra familiar da compañía Elefante Elegante represéntase este sábado 29 de marzo no Auditorio municipal

'Kyoki', de Elefante Elegante en Domingos do Principal
'Kyoki', de Elefante Elegante en Domingos do Principal /

O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle este sábado 29 de marzo o espectáculo infantil "Kyoki", da compañía Elefante Elegante.

A función, programada dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios e promovida pola Axencia Galega de Industriais Culturais (AGADIC), terá lugar ás 18:00horas cun prezo de 5 euros.

Con todo as entradas terán bonificacións para menores de 13 anos, persoas desempregadas, maiores de 65 e titulares do Carné Xove.

A obra é un espectáculo de 45 minutos sen palabras dirixido ao público infantil e familiar maior de 3 anos, e nela abórdase o tema do esquecemento, a vellez, a soidade e o coidado dos nosos maiores.

O título "Kyoki", que significa "demencia" en xaponés, fai referencia á alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións.

A obra presenta unha mirada cómplice e sensible sobre as experiencias tanto das persoas que necesitan ser coidadas como das propias coidadoras.

A familia, as institucións médicas e sociais están representadas nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista María Torres: a avoa, a súa filla e a doutora.

"É certo que adoita verificarse en persoas de idade avanzada, mais, quen non esqueceu algunha vez onde colocou a caixa das galletas?", preguntan dende a compañía, que aborda estas temáticas a través dunha proposta cargada de sensibilidade e humor.

A posta en escena susténtase nunha linguaxe xestual baseado na manipulación de obxectos e na interacción constante co espacio teatral.

Isto é unha característica propia das obras de Elefante Elegante, que buscan explorar temáticas de índole social ou existencial a través da relación do corpo co espazo, centrándose na importancia dos xestos, movementos e imaxes.

Con isto, a compañía busca desenvolver un código plástico e poético que non dependa exclusivamente do texto, combinando o teatro físico coa danza,a música e as artes visuais.

Fiel ao seu selo distintivo, Elefante Elegante constrúe en "Kyoki" un universo escénico onde o traballo corporal da actriz se harmoniza con precisión coa música instrumental orixinal, viaxando entre o realismo e a hipérbole da vida cotiá.

As entradas para a obra poden adquirirse en ataquilla.com e, no caso de non esgotarse, estarán dispoñibles na billeteira do Auditorio dende as 16:00 horas o día da representación.