O Museo de Pontevedra ofrece unha alternativa de lecer para os nenos e nenas de seis a dez anos aproveitando as xornadas non lectivas que veñen este febreiro con motivo do entroido. Así, organizou un obradoiro de elaboración de máscaras para os días 12 e 13 deste mes.
O obradoiro correrá a cargo do equipo de educación do Museo. Empregando obras de arte expostas neste Museo relacionadas cos animais realizarán as súas máscaras. A proposta pretende fomentar a creatividade destes escolares, que coñezan as tradicións galegas vinculadas a estas datas do entroido e á vez que teñan un achegamento divertido á colección artística do Museo. Doutro lado, tamén é unha opción de conciliación para as familias.
En ambas as xornadas o horario da actividade é de 11.30 a 13.00 horas e ofértanse quince prazas para cada un dos días. Ditas prazas cubriranse por orde de inscrición e deben enviarse á seguinte dirección de correo electrónico a partir deste martes 6 de febreiro: museo@depo.gal