A Praza do Mar, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, albergará o sábado a meta da etapa prólogo da Volta Ciclista a España que consistirá nunha proba contrarreloxo por equipos ao longo dun percorrido de 27 quilómetros. Trala chegada dos corredores, acollerá o concerto de Nena Daconte, que estará precedido pola actuación ás 22.00 horas dos vigueses Maryland, e co que se pechará a primeira xornada desta competición.
Catro álbumes e numerosos premios nacionais, así como un sinfín de nominacións, converteron nos últimos anos a Nena Daconte nun referente destacado no panorama musical español. A súa última proposta Sólo muerdo por ti, o segundo traballo desde que a madrileña Mai Meneses continuase co proxecto en solitario, resulta enerxético musicalmente e intimista en canto ás letras e á voz de Mai, que alcanza un grado de madurez que a afasta dos parámetros máis naif.
Como ocorrese xa desde o primeiro disco, Mai é autora da música e a letra dos temas que conforman esta produción composta a piano e guitarra case ao cincuenta por cento e no que a melancolía, a soidade, o paso do tempo e o desamor constitúen os temas principais.
En canto ao son, Sólo muerdo por tié unha volta ás orixes de Nena Daconte, pero revisados e evolucionados, engadíndolles unha nota de modernidade. Músicos profesionais conviven con músicos da rúa para esta produción que de forma artesanal dirixiron Manuel Colmenero e Javibu Carretero.
A NOITE ARRINCA COA MUSICA DE MARYLAND
A formación viguesa Maryland será a primeira en subirse ao escenario da Praza do Mar para mostrar ao público sanxenxino, a partir das dez da noite, o seu power pop. A formación composta por Rubén Castelo -guitarra e voces-, Arturo Gutiérrez de la Cámara -guitarra e voces-, Pablo Castelo -baixo e coros-, Iván Patiño -teclados- e Jaime Gutiérrez de la Cámara -batería- conta entre as súas influencias con Weezer, Fountains of Wayne, Nada Surf e Sexy Sadie.
Finalistas do concurso Grupo Revelación Nacional 2009 organizado polo Festival Contempopránea, co seu primeiro traballo Surprise, os vigueses iniciaron unha vira co seu segundo álbumGet Cold Feet que culminou coa súa participación no Primavera Sound. Actualmente preparan o seu terceiro disco, que prevén editalo nos próximos meses.