Baixo a dirección do cineasta e guionista vigués Ángel Manzano, nace Infancinemarín o festival de cinema infantil e xuvenil que se celebrará os días 5 ao 7 de abril nesta localidade.
O festival está patrocinado polo Concello de Marín e o colexio San Narciso, en cuxas sedes terán lugar as proxeccións de curtametraxes así como diferentes talleres e espectáculos que aúnan cinema, música e ciencia.
A organización mostrou o seu interese en converter o certame nun espazo aberto a toda a familia. Por iso é polo que preparase dúas seccións oficiais: "Nautilus" (dirixida a nenos de 3 a 11 anos) e "Sputnik" (recomendada para mozos de 12 a 16 anos). De todos os xeitos, desde a organización aseguran que a calidade dos traballos que se proxectarán, seleccionados entre os máis de 300 curtos nacionais e internacionais recibidos nesta primeira convocatoria, "satisfará por igual ao público sen importar a súa idade".
Ademais, coa colaboración da ONCE, terá lugar "Clips Con Sentidos", onde se compartirá como gozan o cinema as persoas con discapacidade visual e auditiva. Ou se reivindicarán figuras como a de Alice Guy, "a nai do cinema", no espectáculo da artista Raquel Queizás, "Cinema de historias".
Talleres sobre a técnica de Stop-Motion ou Dobraxe (impartido este último pola coñecida actriz marinense Mayka Braña), charlas que explican a natureza usando "Mars Attacks" como exemplo, ou unha homenaxe musical ao "Xabarín Club" no seu vigesimoquinto aniversario súmanse a un completo programa.
Todas as proxeccións e espectáculos son de entrada libre ata completar aforamento, pero a organización preparou un sistema de reserva de prazas para evitar que ninguén quede sen gozalos. Os talleres tamén son gratuítos, aínda que tamén é necesaria a preinscrición.