Unha nova iniciativa cultural ve a luz en Marín. Trátase do primeiro Festival Cinema do Mar, impulsado pola Asociación Museo do Mar en colaboración do Concello.
O evento, que se celebrará do 21 ao 25 de maio, contará con dúas seccións oficiais: unha de ensino e outra para novos creadores. Tamén haberá proxeccións e mesas redondas.
O festival arrincará o día 21 de maio ás 19.30 horas no Cinema Seixo, coa presentación por parte da organización e autoridades previa á primeira proxección, ás 20.00 horas, coa película 'Matria', de Álvaro Gago, recoñecida entre outros premios con dous nomeamentos aos Goya.
As entradas para esta proxección serán gratuítas, pero será necesario recollelas previamente no Museo do Mar.
A partir do mércores 22 todas as actividades trasladaranse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Así ese día ás 19.00 horas os autores Anxo Cabada e Antón Davila presentarán a súa obra 'A última dorna de Ons' e ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada, presidente do Grupo Cultural Ronsel; Fernando García, da Asociación Cultural Oss Galos; Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa; e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.
O xoves será o día no que arranque propiamente o festival coa proxección das curtametraxes na categoría de Ensino, coas seguintes obras presentadas: Entroido 2022 (CEIP Carballal), As praias de Marín (CEIP Carballal), Mergullo nas rías (CEIP Carballal), Un tesouro nas rías (CEIP Carballal), Mar de redes (IES Félix Muriel), U-los mariñeiros en Marín? (CEIP Sequelo) e Mareas vivas de Lourizán (CPR Sagrado Corazón de Placeres).
Ademais ás 20.00 celebrarase outra mesa redonsa sobre o Museo do Mar de Marín na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. Finalmente, ás 20.30 horas, proxectarase o documental 'Homenaxe ás Mulleres do Mar', de Lukas Santiago.
O venres 24 de maio pola súa banda será a quenda do concurso de novos creadores, coa proxección a partor das 19.00 horas das curtas: Cantiga (Ángela Castro), Nostra In Mare Fortuna (Álvaro Martínez), Treito (Carolina Segovia), Dorna (Antón Guerrero), Vogar (Andrea de la Iglesia) e Voltar do mar (David Pérez-Rodrigo Santiago).
Tras as curtametraxes, ás 20.00 horas, o director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo achegará tres pezas como son: Singlando do Albán (Tito Pérez), Atalaia/Piueiro (Xisela Franco) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (Diana Toucedo).
Por último o sábado 25 de maio ás 19.00 horas está prevista a gala de clausura do festival, coa entrega da Sardiña de Ouro, Sardiña de Prata, Rodaballo de Ouro e unha Mención Especial, así como a proxección da obra 'Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro', de AGALCARI.