Músicos galegos ofrecerán concertos por streaming para amenizar a corentena polo coronavirus

Pontevedra
14 de marzo 2020

O festival ofrecerá unha serie de concertos en directo de artistas do panorama musical galego. Davide Salvado, NajlaShami, Xisco Fernández, HighPawe Boj ou Abe Rábade, entre outros, levarán a súa música dende os seus salóns aos sofás das casas do público

Concertos do festival Músicas no sofá: especial corentena
Concertos do festival Músicas no sofá: especial corentena / Músicas no Sofá

Que facemos durante a corentena? É unha pregunta que se fai moita xente tras o estado de alarma decretado no país ante o avance do coronavirus. Quedar na casa é necesario para evitar que se estenda o contaxio da enfermidade.

De aí que por todo país estean a agromar iniciativas que, desde o eido cultural, intentar concienciar á sociedade para que eviten saír da casa. Unha delas é Músicas de Sofá: Especial corentena, un festival que a través das redes sociais ofrecerá concertos en directo de artistas galegos.

O marinense Davide Salvado ou outros artistas de primeira liña como Abe Rábade, Najla Shami, Xisco Fernández, High Pawe ou Boj, entre outros, levarán a súa música dende os seus salóns aos sofás das casas do público.

O obxectivo desta iniciativa é que a música sexa un elemento transcendental para animar á xente a quedar nas súas casas e a non saír pola crise do coronavirus.

"Moitas das persoas que pertencen ao panorama musical galego quixéronse unir. É unha maneira tamén de usar as canles sociais para algo cultural e que merece a pena", explica Anais Barbier, unha das organizadoras desta iniciativa.

Afirma que moitos dos artistas que se sumaron a esta iniciativa tiveron que cancelar concertos que tiñan previstos para os próximos días e destaca que "se unha cousa nos move é o amor e as ganas que temos de facer música en directo e en galego".

Esta iniciativa tamén quere dar visibilidade ao feito de que, tras a cancelación dos concertos nas vindeiras semanas,"estaremos parados, sen traballar e sen ter ingresos", indica outro dos organizadores, Pedro Fariña, que recorda que "o peor é que non sabemos se esta situación vai tardar en volver á normalidade".

Os artistas e músicos están a confirmar a súa participación e a través das redes irán actualizando a información. O festival xa conta coa participación para mañá de High Paw, Davide Salvado e Najla Shami, que amenizarán a sesión vermú. Outros dos artistas que están pechando día e hora son Boj, Ugia Pedreira, Xisco Fernández e Abe Rábade, entre outros.