Músicos de toda Galicia daranse cita en Poio para ‘O Son da Gaita’

Poio
25 de outubro 2023

Este sábado, 28 de outubro, celébrase unha nova edición das xornadas 'O Son da Gaita', unha das principais citas gaiteiras galegas e que está organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana. Comezará ás 11.00 horas no Pazo Besada

Presentación de ‘O Son da Gaita’
Presentación de ‘O Son da Gaita’ / Concello de Poio

O Pazo Besada reunirá este próximo sábado, 28 de outubro, a músicos das catro provincias galegas para participar nas xornadas 'O Son da Gaita', unha das principais citas gaiteiras galegas e que está organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana, en colaboración co Concello de Poio, da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. 

Este evento reúne a algúns dos máis importantes gaiteiros e gaiteiras de Galicia, con estilos e linguaxes ben diferenciadas, creando así un espazo destinado á posta en valor da gaita, dos gaiteiros e da música tradicional.

A concelleira de Cultura e Educación de Poio, Natalia Sabarís, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este mares a programación en Santiago de Compostela, xunto con Óscar Ibáñez García, presidente da asociación cultural Pai da Cana. 

Natalia Sabarís explicou que a cita está dirixida a "todas as persoas sensibles á nosa cultura, non necesariamente especialistas" e permite amosar as diferentes técnicas interpretativas, así como as posibilidades e riqueza a través das distintos xeitos de abordar o instrumento.

organización informa de que é preciso reservar praza enviando un correo electrónico a acpaidacana@gmail.com Neste momento as prazas están a piques de completarse, as últimas estarán dispoñibles ata o venres 27 de outubro.

Ás 10.00 horas dará comezo un pasarrúas polas avenidas A Barca, Andurique e Porteliña de Poio a cargo da Banda de Gaitas Airiños de San Xulián de Marín e do grupo Os Fervellos do Pío de Pontevedra. En caso de choiva, estas actuacións levaranse a cabo tamén no Pazo Besada. 

Ás 11:15 horas, xa no interior do edificioserá a quenda dos grupos 'Contracocheno' de Vigo, 'As Fabulosas da Baña' e o Grupo de Música Tradicional da AGADIC da Xunta de Galicia.  

A partir das 12.00 horas presentarase a colección Tradición Oral da Editorial Canela por Pablo Quintana e os artesáns Antón Corral e Xosé Manuel Gil presentarán Punteiro con subtónica

A parir das 12:45 horas actuarán os solistas Edelmiro Fernández, de Ribeira; Bruno Villamor, de Lugo; Paulo Gonçalves, da Cañiza; Magoia Bodega, de Vigo; e Xaquín Xesteira, de Cambados. 

A xornada rematará cun xantar-foliada en Casa Laura, en Campelo.

Para asistir ao apartado Solistas hai que pagar unha entrada de 6 euros, e para o xantar o custo do prato é de 27 euros.