O músico pontevedrés Dani Moure, falecido aos 44 anos en agosto do ano pasado, será motivo dunha homenaxe póstuma cun concerto previsto para o mes de maio. A iniciativa corresponde a un novo colectivo xurdido tamén como tributo a Moure e que chamaron asociación Nothing But The Blues.
Celebrar a súa vida e o seu legado musical é o leit motiv co que comezaron a facer xestións por diferentes frontes para esa data de maio cuxo día está sen concretar, do mesmo xeito que o lugar de celebración.
A idea é que sobre o escenario vaian sucedéndose artistas e bandas que coincidiron co homenaxeado durante a súa traxectoria musical.
Polo momento fíxose unha chamada tanto a público como a posibles participantes no evento xa que se convida a unirse ao tributo "interpretando as súas cancións favoritas ou formando parte de agrupacións especiais para a ocasión".
O financiamento é unha das frontes nas que está a traballar a asociación e está previsto abrir unha campaña de doazóns, unha venda de entradas anticipadas e igualmente un crowfunding.
"Non só é unha celebración do seu talento musical, senón tamén un testemuño do impacto duradeiro que deixou nas nosas vidas. É unha honra para nós preservar o seu legado e promover a música local a través deste evento", sinalan desde Nothing But The Blues.