Música, teatro, cine e contacontos para todos os recunchos de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
22 de xullo 2024

O alcalde, Jorge Cubela, pretende que esta oferta sirva para dinamizar o municipio desde un punto de vista cultural, turístico e económico e sexa atractiva tanto para a veciñanza como para os visitantes 

Jorge Cubela presenta a programación cultural de verán en Cerdedo-Cotobade
Jorge Cubela presenta a programación cultural de verán en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade preparou unha programación moi completa e variada para este verán, no que haberá unha chea de actividades lúdicas, musicais e culturais que terán como obxectivo achegar un entretemento de calidade á totalidade do municipio.

Así, haberá concertos musicais para todos os gustos, obras de teatro, proxeccións de cine na rúa, andainas nocturnas de observación astronómica, animación de rúa, inchables para os máis pequenos, dinamización sociocultural de espazos fluviais de lecer ou contacontos.

"Intentamos achegar ao público unha programación ampla e variada con fin de que tantos os nosos veciños como os numerosos visitantes que temos no verán poidan disfrutar dun elenco de espectáculos de todo tipo para satisfacer a todos os gustos", explicou o alcalde, Jorge Cubela.

Así, o luns 22 de xullo terá lugar na praia fluvial de Cerdedo un espectáculo de teatro de rúa que porá en escena, a partir das 19:00 horas, a obra A utópica rodante de Vilatriste e Vilalegre.

O martes 23 ás 20:00 horas a quenda será para un contacontos que estará no mesmo escenario natural animando aos máis cativos da casa a participar no espectáculo Filipa os contos. E o mércores 24 de xullo, ás 22:30 horas, proxectarase na Praza do Concello, en Cerdedo, a película Barbie.

Pola súa banda, o xoves 25 de xullo terá lugar a Festa do Neno que comezará ás 17:00 horas na praia fluvial de Cerdedo e ás 22:30 horas terá lugar o espectáculo musical Camiñantes e Cantantes con La Ocaband e a participación de Pili Pampín, Pepo Suevos e Manquiña.

O venres 26 de xullo chegará á Praza do Concello, en Cerdedo, o concerto de Conductores suicidas, unha actuación tributo ao artista español Joaquín Sabina.

O sábado 27 de xullo chegará o momento de darlle paso á Andaina ás estrelas, unha observación astronómica guiada por expertos na materia que terá como punto de referencia a Praza do Concello, en Carballedo. 

Ao día seguinte, o domingo 28 de xullo, terá lugar ás 20:00 horas na Praza do Concello, en Cerdedo, o concerto da Banda de Música de Cerdedo que achegará ao público asistente un elenco de pezas musicas moi variadas entre as que incluirán os seus máis coñecidos éxitos.

A programación estival do Concello de Cerdedo-Cotobade continuará no mes de agosto, a partir do luns 12, cunha obra de teatro ás 18:30 horas no Centro Cultural Antonio Fraguas, de Carballedo, O censor de monstros.

O martes 13 de agosto, ás 22:00 horas, haberá unha nova sesión nocturna de cine na rúa coa proxección da película Cuñados, protagonizada entre outros polos actores galegos Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez.

O mércores terá lugar unha churrascada popular e o concerto de Ángel Sevilla, ás 23:00 horas na Praza da Chan, en Carballedo; e o xoves 15 de agosto volve o teatro ao Centro Cultural Antonio Fraguas coa posta en escea da obra Ladrón de risas.

O venres 16 de agosto celebrarase o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, a partir das 20:30 horas na Praza da Chan, en Carballedo; e o sábado 17, a partir das cinco da tarde no entorno do Centro Cultural Antonio Fraguas, será a Festa do Neno.

Rematará este programa o 18 de agosto co concerto Querida Montserrat, Querido Luciano con Montserrat Martí Caballé, filla da mítica soprano Montserrat Caballé e o tenor Bernabé Martí; e Simona Todaro-Pavarotti, sobriña-neta do tenor Luciano Pavarotti.