A avenida Montero Ríos, xusto diante do Pazo Provincial da Deputación, será o escenario no que Pontevedra conmemorará o Día Mundial da Música. Será este venres 19 de xuño, adiantando en dous días a celebración desta efeméride en todo o mundo.
A partir das doce do mediodía, segundo informa a Deputación, o cantante cangués Nelson Quinteiro levará a cabo unha proposta multidisciplinar que embarcará ao público nunha viaxe pola universalidade da música galega.
O artista estará acompañado polo seu grupo, composto polos músicos Brais González, Álvaro Gardalda, Iago Prieto e Roi Adrio. A formación complétase coas nocións de danza de Iván Villar e a pintura ao vivo de Alba F. Troiteiro.
A actuación xogará co espazo público do acceso ao Pazo Provincial e en caso de condicións meteorolóxicas adversas trasladarase ao hall do edificio.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a importancia de levar estas iniciativas aos espazos públicos, sobre todo no momento actual, porque "está claro que a música, en definitiva toda a cultura, animou o confinamento, a desescalada e a normalidade".
"Temos que seguir espantando o mal coa cultura", engadiu Silva, que destacou que o evento contará cun aforo controlado de persoas sentadas, aínda que todas aquelas que queiran gozar do espectáculo na rúa poderán seguilo de pé.
Cumpriranse todas as medidas de protección e seguridade, con accesos e itinerarios controlados á zona delimitada e seguindo as recomendacións sanitarias será obrigatorio acudir con máscara de protección.
A actuación contará con intérprete de lingua de signos e será retransmitida en streaming.