A música mexicana 'asalta' PortAmérica con Molotov e Los Tigres del Norte

Umia
29 de xaneiro 2025
Actualizado: 30 de xaneiro

Súmanse a un cartel musical de luxo xunto a Emilia, Melendi, Mikel Izal, Love Of Lesbian, Viva Suecia, Ca7riel & Paco Amoroso, Sidonie, Iván Ferreiro, La La Love You, Duncan Dhu, Siloé ou Alcalá Norte

Molotov
Molotov / PortAmérica

Dúas das bandas máis emblemáticas da escena musical mexicana, Molotov e Los Tigres del Norte, súmanse ao cartel da décimo terceira edición do festival PortAmérica, que se celebrará na Azucreira de Portas entre os días 3 e 5 de xullo.

Ambas as formacións ofrecerán concertos exclusivos en Galicia.

O de Molotov, en plena xira conmemorativa dos seus trinta anos sobre os escenarios, será o xoves 3 de xullo, mentres que Los Tigres del Norte, coñecidos pola enerxía dos seus corridos e rancheiras, actuarán ao día seguinte, o venres 4 de xullo.

Con este anuncio, PortAmérica case completa o cartel desta nova edición, sumando dous novos nomes que reforzan o carácter iberoamericano dun festival que volverá tender pontes a ambos os dous lados do Atlántico.

Molotov e Los Tigres del Norte súmase a un cartel musical de luxo no que xa figuraban nomes como Emilia, Melendi, Mikel Izal, Love Of Lesbian, Viva Suecia, Ca7riel & Paco Amoroso, Sidonie, Iván Ferreiro, La La Love You, Duncan Dhu, Siloé ou Alcalá Norte.

Travis Birds, No Te Va Gustar, Merino, Carlos Ares, Recycled J, Veintiuno, Inazio, Barry B, Galician Army, Taïn e Carla Lourdes completan a oferta musical anunciada até agora.

Así, a repartición provisional por días, á espera das últimas incorporacións, queda da seguinte maneira:

Xoves 4: Mikel Izal, Ca7riel & Paco Amoroso, Los Tigres del Norte, La La Love You, Siloé, No Te Va Gustar, Recycled J, Veintiuno e Taïn.

Venres 5: Emilia, Love of Lesbian, Molotov, Iván Ferreiro, Alcalá Norte, Merino, Marisa Valle Roso, Inazio e Barry B.

Sábado 6: Melendi, Viva Suecia, Sidonie, Duncan Dhu, Travis Birds, Carlos Ares, Galician Army e Carla Lourdes.

CINCO NOVOS CHEFS PARA O SHOWROCKING

Xunto a estas dúas confirmacións musicais, o PortAmérica tamén anunciou a incorporación de cinco novos chefs que formarán parte da súa vertente gastronómica, o ShowRocking.

Trátase de Paco Pérez (Mimamar, Llançá), Janaina Torres (A Casa do Porco, Sao Paulo), Vicky Sevilla (Arrels, Sagunto), Alberto Molinero (Erre de Roca, Miranda de Ebro) e Martín Vazquez (Indómito, Santiago).

No seu caso, cociñarán á beira de Jordi Roca, Albert Adriá, Alberto Lareo, Alén Tarrío, Álex Marugán, Begoña Rodrigo, Antonio Arrabal, Dani Carnero, Gonzalo Pose, Iago Pazos, Iván Cerdeño, José Carlos García, Maca de Castro, Pedro Sánchez, Nagore Izauregui & Rodrigo Fonseca ou o portugués Vasco Coelho Santos.