Música e xantar popular na contorna da Pedreira para conmemorar a Festa da Lingua

Pontevedra
16 de maio 2023

As actividades están organizadas polo Centro Social A Pedreira. O día 16 realizarán unha Rondalla pola Lingua e actuacións de Tres pés un Suso e Sonoro Maxín. O 17 de maio será unha xornada con animación infantil con Sororas e Peter Punk, haberá pasacalles co grupo Foula e unha solta de libros viaxeiros. A continuación está prevista unha sesión vermú coas pandereteiras de Quireza e o grupo Foula cun xantar popular e foliada

Asemblea no Centro Social A Pedreira
Asemblea no Centro Social A Pedreira / Centro Social A Pedreira

O Centro Social A Pedreira, que naceu neste 2023, organiza con motivo do Día das Letras Galegas unha serie de actividades co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura de Galicia.

As actividades realízanse en colaboración co Concello de Pontevedra e co apoio de 18 colectivos que participaron na campaña de recollida de sinaturas a favor da lingua galega, entre os que se atopan a Aula Castelao de Filosofía, a Asociación pola Defensa da ría; Siareirxs Granates, ou A.C.Trépia, entre outras.

Os actos comezarán o martes 16 cunha Rondalla pola Lingua, que partirá ás 20.00 horas desde a Praza da Peregrina con finalización na Praza da Pedreira. Alí realizarase a lectura dun manifesto conxunto.

A xornada finalizará coas actuacións de Tres pés para un Suso e Sonoro Maxín, tamén na Praza da Pedreira.

O mércores 17 desenvolveranse actividades con animación infantil, na Rúa Serra, con Sororas e Peter Punk. O grupo Foula realizará pasacalles e levará a cabo unha liberación de libros viaxeiros por distintas rúas da cidade.

Durante o mediodía da xornada festiva está prevista unha sesión vermú coas pandereteiras do Val de Quireza e o grupo de gaitas Foula. A festa concluirá cunha comida popular e unha foliada.