Música e poesía para celebrar o Día das Letras Galegas en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
17 de maio 2018

O Día das Letras Galegas volveu formar parte da programación cultural do Concello de Ponte Caldelas. Nun acto celebrado na Casa da Cultura rendeuse unha homenaxe a María Victoria Moreno, a muller, a profesora, a escritora que namorou de Galicia e da súa lingua

Celebración do Día das Letras Galegas en Ponte Caldelas
Celebración do Día das Letras Galegas en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Día das Letras Galegas volveu formar parte da programación cultural do Concello de Ponte Caldelas. Nun acto celebrado na Casa da Cultura rendeuse unha homenaxe a María Victoria Moreno, a muller, a profesora, a escritora que namorou de Galicia e da súa lingua.

Os actos, aos que asistiu numeroso público, consistiron nun percorrido pola vida e obra de María Victoria a cargo do alcalde, Andrés Díaz, e do concelleiro Manuel Barreiro, que puxeron o acento no seu exemplo persoal e no seu compromiso coa fala da terra na que decidiu vivir, sendo estremeña de nacemento.

"María Victoria era desas escritoras que escriben para adultos coa escusa de que escriben para nenos", dixo o alcalde.

Pola súa banda, Manuel Barreiro instou aos presentes seguir o exemplo da autora, a defender o galego, a sentirse orgullosos da lingua, igual que da nosa paisaxe, da nosa música, das nosas festas ou da nosa comida, "da nosa cultura, en suma, porque a lingua é a marca de identidade de Galicia e tamén garantía do noso futuro".

Con motivo desta data senlleira, na biblioteca de Ponte Caldelas estanse a expoñer os libros da escritora que elixiu ser galega, así como láminas e ilustracións, que serviron para engalanar o salón de actos.

A programación musical da xornada estivo a cargo de Manoele de Felisa, quen tamén destacou a traxectoria de Moreno durante a súa actuación. Xunto con el participou o grupo local Laranxada de Limón, que debullou varias cancións, todas elas con letra de poetas galegos.

Os actos tiveron como colofón a inauguración da exposición fotográfica "Alguén que anda por aí" de Juan Vegas, que amosa imaxes tomadas entre 1980 e a actualidade, pero que destilan un  aroma a tempos que se foron.

Cunha Nikon analóxica de 35 mm e unha Mamija de formato 6x6 percorreu distintos lugares de Ponte Caldelas, con especial predilección por Parada. Alí retratou persoas, paisaxes e obxectos, controlando todo o proceso de revelado no seu laboratorio, utilizando papel bromurado e pintadas a man coa técnica do virado ao selenio.