Cun concerto de media ducia de pezas a cargo dos instrumentistas da agrupación folclórica pontevedresa Os de Algures comezaba o espectáculo 'Unha ollada polas arcas pechadas', unha proposta escénica adaptada a situación complicada que se deriva da pandemia e destinada a un patio de butacas onde a capacidade se atopa limitada a tan só sesenta persoas.
Noutros anos, Os de Algures, dirixidos por José Luis Rodríguez Álvarez, ofrecían macroespectáculos coa intervención de diferentes agrupacións musicais, de baile tradicional e coa Aula de Teatro Municipal de Pontevedra para ofrecer escenas de carácter costumista.
Nesta ocasión, o límite de persoas tamén no escenario levou a que Os de Algures decidise poñer en marcha unha proposta musical combinada coa presentación en pasarela de diversos traxes tradicionais a cargo da agrupación irmá Sete Espadelas, con David Quiñones á cabeza.
Ao redor dunha trintena de pezas de roupa luminosas do século XIX puideron verse no escenario Teatro Principal durante este pequeno espectáculo que durou unha hora e que ven completar a traxectoria destas dúas agrupacións durante os últimos meses, que conseguiron un éxito absoluta de visitas no Museo de Pontevedra coa exposición 'Galicia, a terra dos mil panos' onde se atopaban mantóns e pañoletas dun valor incalculable e que eran empregadas por anteriores xeracións de galegos.