Música, danza e literatura conforman "as mellores propostas para o público familiar" na programación do Salón do Libro

Pontevedra
01 de marzo 2022

Entre as trescentas actividades propostas do 11 ao 27 de marzo no Pazo da Cultura atópanse diferentes talleres, obras de teatro, roteiros pola cidade ou faladoiros tamén para público adulto

Obradoiro realizado polo Salón do Libro
Obradoiro realizado polo Salón do Libro / Salón do Libro

Os mellores espectáculos de música, danza e literatura son as propostas aseguradas pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, para o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebrará do 11 ao 27 de marzo no Pazo da Cultura.

O espectáculo coral 'Salón de marabillas salvaxes', a cargo do grupo AldaoLado, dará inicio ao programa o venres 11 ás 18:30 horas. Será o comezo de 17 días nos que a cultura marcará o centro da vida das familias pontevedresas, segundo agarda a edil de Cultura. Durante este período, as xornadas máis potentes terán lugar os venres, sábados e domingos, mentres que pola semana ofreceranse contacontos e visitas matutinas ás escolas.

Nesta edición decidiuse escoller a Euskal Herria como país convidado. A finalidade é mostrar a súa cultura a través de artistas como a escritora Concha Pasamar, a contacontos Ana Apika e mesmo algún dantzari de bailes tradicionais vascos.

O Salón non se limita ao Pazo, senón que chegará ás parroquias mediante unha actividade iniciada durante a pandemia, o Rodalibros. Esta camioneta levará a maxia do programa ás súas 27 paradas, entre as que se atopan os centros sociais de Campañó e A Canicouva.

Do mesmo xeito, espállase por toda a cidade coa Orbil Parade, dez estatuas da mascota do Salón, o lobo Orbil, en diferentes puntos emblemáticos. O alumnado dos bacharelatos artísticos colaborou decorando dúas delas para animar ás persoas na súa busca e posterior subida a redes co cancelo #OrbilParade.

Ademais, os roteiros de arte urbana da man de Lecoíña Pasea por lugares da Boa Vila e da Illa das Esculturas axudarán a coñecer mellor a localidade.

Como novidade, o Salón ofrece a residencia artística da ilustradora Julia Lago, última gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada, quen fará un mural na cidade a modo de obradoiro para o alumnado que colabore.

Para unha experiencia máis relaxada, Fouces sinala os recunchos de tranquilidade no Salón, espazos nos que poder sentarse a ler, ao igual ca o préstamo de libros entre os tres mil títulos dispoñibles e aos que cada ano se engaden máis. Tamén hai cabida para o público adulto por medio do Congreso de Mediación Lectora e outros faladoiros, como o ofrecido polo Espazo Brétema.

Entre as trescentas actividades propostas atópanse diferentes obradoiros, o fin de xira da obra 'Fíos' de Baobab Teatro, a actuación de Uxía Lambona e a banda molona, a visita ao museo 'Castelao e os libros', o espectáculo de Danza Nudos e o peche coa actuación 'Senta que hai baile'.

Fouces recorda con mágoa a edición do 2020, que tras seis días tivo que pechar e adaptar as súas actividades á modalidade online. Por ese motivo, no 2022 procuran traer os actos máis destacables e prometen brindar unha das mellores propostas para o público familiar.

"Volve o Salón con máis forza ca nunca, cheo de ilusión e cheo de libros" apuntou.

Ademais, confirma que a xente está expectante e moi desexosa de asistir ao Salón. Espérase recibir máis de 3.000 participantes entre as visitas de mañá dos colexios e as de familias pola tarde.

As persoas interesadas en asistir deben inscribirse na páxina web do Salón do Libro, onde tamén se pode consultar o programa completo, ou solicitar entrada para algúns espectáculos de pago en ataquilla.com.