Tres anos tivemos que esperar para poder volver gozar do festival Surfing the Lérez na Illa das Esculturas. Tras a pandemia, a cita coa que tradicionalmente arranca o verán pontevedrés volveu a encher de música e bo rollo este enclave natural da cidade.
O festival, que este ano quixo comezar coincidindo coa noite de San Xoán, arrancou sobre as cinco e media da tarde co concerto de Uncle Dog & The Homeboys, tras o que soou a música de Wygga, YNGZ ou Budiño.
Ariezzz, Ortiga e unha sesión DJ con Carlangas e Sebastian Black poñen o broche de ouro a este primeiro día do Surfing the Lérez que, como é habitual, tivo entrada gratuíta aínda que cun matiz solidario, ao recoller alimentos non perecedoiros para entidades sociais.
Pero tras este xoves, a música non se detén. Heredeiros da Crus serán os encargados de abrir a segunda xornada do Surfing The Lérez, o venres, á unha da tarde. Será, xunto co retorno aos escenarios da banda pontevedresa Dismal, o prato forte do día.
O cartel do venres acollerá ademais propostas de corte moi diverso, todas elas de grupos e artistas galegos como Ruxe Ruxe, Moura ou Thee Blind Crows.
A experiencia de Indy Tumbita, acompañado por The Voodoo Bandits; Anxo Araújo ou as bandas locais Gazela, O Cadelo Lunático e Fondo Norte completan a oferta musical do venres, que concluirá cunha sesión do DJ residente da Duendeneta, Carlos Crespo.
O escenario Karma Club estará dedicado durante toda a xornada a sesións de DJ e por el pasarán Señora DJ, Kris K DJ, DJ Diñeiro e Maefield.