O Museo de Pontevedra ofrece un obradoiro de bordado botánico inspirado na obra de Castelao

Pontevedra
03 de marzo 2025

A artista mexicana Maritza Berttolini impartirá o taller, que abre inscricións este xoves 6 de marzo

Bordado botánico inspirado nas paisaxes de Castelao
Bordado botánico inspirado nas paisaxes de Castelao / Museo de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra abre este xoves 6 de marzo ás 10:00 horas o prazo para inscribirse nun novo obradoiro organizado no Museo de Pontevedra.

A actividade consiste nun taller de bordado botánico inspirado nas paisaxes da obra plástica de Castelao.

Impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini, o taller está dirixido a un público adulto e desenvolverase entre marzo e maio en catro grupos.

A inscrición é gratuíta pero con material a cargo do alumnado. Pode realizarse a través da web do Museo.

Cada quenda consta de catro sesións, que se desenvolverán no Edificio Castelao de 18:00 a 19:30 horas.

O primeiro grupo realizará o taller os martes 11, 18 e 25 de marzo e o 1 de abril; o segundo os venres 14, 21 e 28 de marzo e o 4 de abril; o terceiro os martes 8, 22 e 29 de abril e o 13 de maio; e o cuarto os venres 4 e 25 de abril e 2 e o 9 de maio.

A actividade céntrase na técnica pictórica do bordado, e busca transformar unha ilustración 2D noutra obra con volume e texturas, utilizando como base o téxtil.

A temática xirará arredor da natureza, co bordado de árbores, flores e herbas inspiradas na natureza presente nas pinturas de Castelao.

A encargada de impartir o obradoiro será Maritza Berttolini, unha recoñecida artista téxtil mexicana que xa impartiu numerosos talleres en cidades de México, Madrid ou Pontevedra.

Berttolini posúe unha ampla experiencia en técnicas como o bordado, tapiz, colaxe e debuxos a máquina de coser, e o seu traballo destaca pola reinterpretación contemporánea de métodos tradicionais, creando pezas con gran detalle artesanal.