'Mulleres': un ciclo de cine feminista solidario coas persoas refuxiadas de Ucraína

Pontevedra
07 de marzo 2022

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o ciclo de cine feminista 'Mulleres' durante os meses de marzo e abril, que forma parte do proxecto 'Cultura por alimentos' mediante unha recollida de doazóns para a cidadanía ucraína

Fotograma do ciclo de cine 'Mulleres'
Fotograma do ciclo de cine 'Mulleres' / Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta 'Mulleres', un ciclo de cine con protagonistas femininas e tratando temáticas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno.

Con motivo do Día Internacional da Muller, elaboraron un cartel coas películas 'A favorita' (Yorgos Lanthimos, 2018), 'Unha cuestión de xénero' (Mimi Leder, 2018) e 'Toni Erdmann' (Maren Ade, 2016), que se proxectarán na sede de Afundación en Pontevedra ás 19:30 horas os luns 21 e 28 de marzo e o 4 de abril respectivamente.

Este evento enmárcase no proxecto 'Cultura por alimentos', mediante o cal envían víveres ás persoas refuxiadas e á cidadanía de Ucraína. Afundación invita aos asistentes ao acto a que entreguen alimentos precociñados, latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos, medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin.

Para acceder a cada unha das sesións, deberase doar algún destes produtos e realizar unha inscrición previa de balde en Ataquilla.com.