A provincia de Pontevedra convértese no epicentro da literatura cunha nova iniciativa que busca dar voz ás escritoras e poñer en valor as súas creacións.
O ciclo "Mulleres de Palabra(s)", impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Igualdade, propón seis meses de conversas, recitais e obradoiros arredor da literatura escrita por mulleres.
A presentación do proxecto tivo lugar na mañá do mércores 19 de marzo, nun acto no que participaron destacadas escritoras e representantes institucionais. No evento estiveron presentes as escritoras Andrea Fernández Plata, Fina Casalderrey, Eva Mejuto e Silvia Penas, xunto coa deputada provincial Sandra Bastos e a xornalista Susana Pedreira, unha das impulsoras do proxecto.
Neste encontro púxose de manifesto a necesidade de espazos onde a palabra feminina se escoite con forza. Susana Pedreira destacou a importancia de crear un ciclo que non só visibilice as autoras do presente, senón que recupere as voces silenciadas do pasado.
Recalcou que a literatura sempre contou con mulleres, pero moitas veces a súa sinatura quedou oculta ou foi substituída. Ademais, lembrou que, días atrás, celebrouse o foro 'As mulleres que opinan son perigosas', onde a palabra feminina tamén foi a protagonista.
O programa inclúe actividades en diversas localidades da provincia, contando con un gran abanico de obradoiros e recitais, entre outras propostas.
O punto de partida terá lugar o vindeiro venres 21 de marzo ás 20:00 horas, coincidindo co Día Mundial da Poesía, cun recital e unha conversa na sede da Deputación en Vigo.
Entre as participantes estarán Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta, catro autoras galegas que están a marcar unha forte pegada na literatura actual.
A continuación, A Guarda acollerá o 22 de abril un encontro con novas voces da literatura galega, como Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata.
En maio, Sanxenxo será o escenario dun obradoiro centrado na escrita para a mocidade, coa presenza de Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto.
Pontevedra protagonizará un dos momentos máis esperados do ciclo en xuño, cando se desenvolverá un obradoiro sobre narrativa en primeira persoa a cargo de Diana López Varela. O taller estará dividido en catro sesións semanais, e nel explorarase a literatura das autoras máis relevantes que reivindicaron o uso deste punto de vista narrativo.
Ademais, A Lama será sede dun singular taller de 'bordado de palabras', que explorará a fusión entre a arte téxtil e a literatura.

O broche de ouro do programa chegará en outubro, coincidindo co Día das Escritoras, cunha conversa entre Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña, na sede da Deputación de Pontevedra.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, subliñou que este proxecto encaixa na aposta provincial por construír referentes femininos e fomentar a igualdade a través da cultura.
Pola súa banda, a escritora Fina Casalderrey reflexionou sobre os tempos nos que as mulleres non podían nin sequera soñar con certas cousas. "Non é que fosen soños prohibidos, é que nin pensabamos que os podíamos soñar", afirmou, facendo fincapé na importancia de continuar avanzando en dereitos e visibilidade.