Sorpresa nos Festivais Rías Baixas. Tras cinco anos celebrándose en Nigrán, o PortAmérica trasládase. Faino a Caldas de Reis. A carballeira do municipio acollerá entre o 13 e o 15 de xullo a sexta edición deste festival, unha das referencias musicais no noroeste peninsular. Así o confirmaron este xoves os seus organizadores.
PortAmérica integrarase, a partir de agora, na programación de Cultura Quente, un festival multidisciplinar que se celebrará en Caldas de Reis do 1 ao 16 de xullo, e ao que este evento achegará a súa parte musical.
Para a súa primeira edición neste enclave natural, a empresa Esmerarte Industrias Creativas promete poñer toda a carne no asador e deu a coñecer xa o nome dos primeiros artistas e bandas que presentarán en directo os seus novos traballos discográficos.
Así, Xoel López repasará os seus vinte anos de carreira musical cun concerto moi especial neste PortAmérica. Ademais, grandes nomes da música indie como Iván Ferreiro, Niños Mutantes, Depedro. Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Ángel Stanich, Carlos Sadness ou Rufus T. Firefly tamén actuarán na carballeira caldense.
Xunto a eles, este primeiro avance confirmou a presenza en Caldas dos brasileiros BNegão & Seletores de Frequência, os arxentinos Indios e Illya Kuryaki & the Valderramas, os venezolanos Amigos Invisibles, o ecuatoriano Mateo Kingman, os mexicanos Porter e Siddartha, os estadounidenses Orkesta Mendoza e os españois Kase O e Montefusco.
A pesar desta nova localización, o festival PortAmérica asegura que continuará fiel á súa filosofía: ser toda unha experiencia turística nas Rías Baixas. Contará con dous escenarios, un mercado de novos valores e unha zona de acampada que, este ano, terá un perfil social ao doarse os tres euros que custará instalarse a unha iniciativa benéfica.
Ademais, PortAmérica manterá a súa gran aposta pola gastronomía cunha nova edición do ShowRocking, oferta na que participará un nutrido grupo de chefs con ampla representación galega, patroneados por Pepe Solla.
Con todos estes ingredientes, PortAmérica é todo un exemplo de dinamización cultural e turística que xera un gran impacto económico, ao crear 500 postos de traballo directos e indirectos e un movemento cifrado nuns 8 millóns de euros.
As entradas para o festival sairán á venda o vindeiro martes 24 de xaneiro e terán un prezo de lanzamento de 35 euros máis gastos de distribución para os abonos dos tres días.