"Motim", a exposición de ilustración do Salón do Libro, reúne no Museo a obra de 38 celebridades artísticas lusas

Pontevedra
22 de marzo 2019

O Salón do Libro inaugurou na mañá deste venres "Motim", unha exposición de ilustración infantil e xuvenil que reúne a obra de 38 artistas portugueses no Museo de Pontevedra. 

Inauguración de "Motim"
Inauguración de "Motim" / Mónica Patxot

O Salón do Libro inaugurou na mañá deste venres "Motim", unha exposición de ilustración infantil e xuvenil que reúne a obra de 38 artistas portugueses no Museo de Pontevedra. 

Motim estará aberta do 22 de marzo ao 28 de abril, no que se espera sexa un acto que reúna á mocidade, a grupos escolares e familias ante os froitos dalgúns dos mellores ilustradores do panorama portugués.

Seguindo a temática escollida polo Salón do Libro para este ano, a revolución, o conxunto de obras pretende incentivar unha revolta das ideas, "un movemento de desobediencia creado para transformar e incidir na orde natural das cousas".

Baixo esta premisa, agloméranse as creacións de case 40 identidades con renome en Portugal, entre as que se encontra o Premio Nacional de Ilustração de 2018, Madalena Matoso, coa súa obra "Não é nada difícil".

Mafalda Milhoes, unha creadora de historias con moita historia atrás, é a encargada de comisariar a exposición, á que se referiu do seguinte xeito: "Enfocámonos nas pequenas accións, dende o estoupido dunha pequena bomba que pode ser unha idea ata o estoupido de tinta, do friccionar do lapis de grafito na folla. Todo isto rasga, deixa marca".

Trátase dun arsenal de creacións que son, en realidade, pequenos mundos coas súas propias revolucións e que só baixo unha mirada expectante poden deixar saír todo o significado que conteñen. 

Durante a inauguración, o deputado de Cultura, Xosé Leal, amosou o seu agrado coa exposición, á que denominou "unha das formas que temos de achegarnos á cultura lusófona da que tanto bebemos os galegos", seguido dos agradecementos de Carmen Fouces, concelleira de Cultura, aos artistas e ao Museo. 

Por último, a comisaria da exposición, Mafalda Milhoes explicou os fundamentos da mesma e realizou un pequeno percorrido explicativo a través das obras expostas.