'Monumenta' permitirá descubrir os petroglifos de Mogor entre lusco e fusco

Marín
26 de xuño 2014

O próximo 5 de xullo o programa 'Monumenta' mostrará aos veciños do lugar e á cidadanía en xeral a relevancia e as potencialidades deste patrimonio de cara á súa valoración e conservación. Será a partir das 19.00 horas

Petroglifos de Mogor
Petroglifos de Mogor

O programa 'Monumenta' permitirá o próximo 5 de xullo descubrir os petroglifos de Mogor dunha forma diferente: entre lusco e fusco.

A actividade organízana a Consellería de Cultura e AGADIC en diferentes localidades e en Marín centrarase nos petroglifos de Mogor co obxectivo de mostrar aos veciños do lugar e á cidadanía en xeral a relevancia e as potencialidades deste patrimonio de cara á súa valoración e conservación.

A concelleira de Cultura de Marín, Beatriz Rodríguez, presentou este xoves o programa, que comezará ás 19.00 horas do sábado día 5 de xullo coa actividade 'Monumenta Educa' no exterior do centro de interpretación de Mogor. O alumnado do CEIP Carballal presentará os traballos realizados sobre os petroglifos.

A esa mesma hora comezará a actividade 'Andar con Arte', un paseo guiado por Mogor entre a serra e o mar con saída e chegada no centro de interpretación. Este itinerario de percepción paisaxística estará guiado polo xeógrafo Juan López Bedoya e as persoas participantes percorrerán a pé a zona atravesando por Mogor e o seu depósito arqueolóxico para enxergar a evolución da paisaxe física e sonora do Morrazo dende a época dos petróglifos.

Ás 22.00 horas será a hora do 'Monumenta en Concerto', coa actuación de Carlos Rilo, Xosé Lois Romero, Carlos Taboada, o Grupo de Música Tradicional de Agadic, José Ramón Bugliot e Daniel Romero. Introducirán o público nas melodías tradicionais de Galicia a través de sons naturais.

'Monumenta de noite' pechará o ciclo de actividades ás 22.30 horas. Ofrecerá a posibilidade de descubrir os petroglifos coas explicacións do arqueólogo Santiago Vázquez Collazo.