Montero Ríos énchese de música, pintura e danza coa celebración do Día Mundial da Música

Pontevedra
19 de xuño 2020

Emoción en estado puro a vivida este venres na Avenida Montero Ríos con motivo da celebración do Día Internacional da Música. "Non hai nada como poder estar en espazos onde a cultura o impregna todo", asegurou Carmela Silva quen, emocionada, amosou a súa ledicia ao ver a rúa recuperada pola cidadanía na celebración deste día

Celebración do Día Internacional da Música na Avenida Montero Ríos / Mónica Patxot

Emoción en estado puro a vivida este venres na Avenida Montero Ríos con motivo da celebración do Día Internacional da Música.

"Non hai nada como poder estar en espazos onde a cultura o impregna todo", asegurou Carmela Silva quen, emocionada, amosou a súa ledicia ao ver a rúa recuperada pola cidadanía na celebración deste día.

A presidenta da Deputación quixo aproveitar para facer un recoñecemento á xente da cultura: "durante o confinamento, a cultura, e particularmente a música, foi a que nos mantivo con raios de esperanza, de xeito altruísta e agora lle temos que devolver todo o que nos deron".

Por iso destacou que a vontade do goberno provincial era que "o noso primeiro acto público estivera ligado á música" e, deste xeito, adiantou a este venres a conmemoración do Día Internacional da Música, que se celebra o día 21 de xuño, con dous actos, un en Pontevedra e outro en Vigo, nos que a música, as artes escénicas e a plástica se deron cita. 

Na cidade do Lérez, o espectáculo correu a cargo de Nelson Quinteiro, quen realizou unha actuación multidisciplinar na escalinata exterior do Pazo provincial.

Quinteiro, xunto aos músicos Brais González, Álvaro Cardalda, Iago Prieto e Roi Adrio mesturaron as melodías de 'Músicas de Domingo' coa pintura ao vivo de Alba F. Troiteiro e a danza de Iván Villar.

Mentres os músicos e o propio Quinteiro ocupaban a parte baixa das escaleiras interpretando as diferentes pezas musicais e interactuando co público asistente, o bailarín danzaba nas escaleiras e a artista situábase na parte superior, xunto ás portas de acceso ao edificio, elaborando un gran cadro que representaba unha nena cun corazón entre as súas mans, simulando a parte emocional da música.