Monólogos, maxia, actividades infantís ou Voz de Muller, na primeira semana de agosto en Pontevedra

Pontevedra
01 de agosto 2022

Chega o mes de agosto e, con el, diversas actividades en xénero forma, número e formato, aterrarán na Boa Vila para amenizar os calurosos días aos pontevedreses. Tal e como indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, hai unhas semanas, Pontevedra vivirá este ano 'un verán sen parada' e, agosto, terá de entrada na primeira semana até seis ciclos distintos para todas as idades

De Vacas e Ginebras
De Vacas e Ginebras / PontevedraViva

Chega o mes de agosto e, con el, diversas actividades en xénero forma, número e formato, aterrarán na Boa Vila para amenizar os calurosos días aos pontevedreses.

Tal e como indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, hai unhas semanas, Pontevedra vivirá este ano 'un verán sen parada' e, agosto, terá de entrada na primeira semana até seis ciclos distintos para todas as idades.

Trebellando na Alameda aparece como un ciclo infantil de teatro, música e maxia, que terá como escenario a alameda de Pontevedra e ofrecerá un espectáculo distinto, cada día, entre o 1 e o 5 de agosto. Migallas Teatro, Adrián Conde, Grupo Expresión, Cía Trotamundos e Ollo Piollo serán os encargados de entreter ás crianzas da cidade dun xeito distinto e propio.

Noites de monólogos estarán nas pistas de Campolongo con algúns dos máximos representantes do humor galego entre o 1 e o 5 de agosto, como son: Luís Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro. Como sempre, serán shows de balde.

Con Galicia Ilusiona chegará a maxia a Pontevedra. O martes, 2 de agosto, a praza do Concello acollerá o espectáculo de Víctor Cerro, que tamén fai do escapismo unha das súas armas á hora de sorprender e facer abrir os ollos aos presentes. Chega coa proposta Desafíos Extremos: Home Diana e Porta do inferno.

O mércores 3 de agosto volve Itineranta, o XI Festival de Animación de rúa, unha das citas máis queridas e únicas coas que conta a Boa Vila. Unha ledicia artística que enche as rúas, que esperta sentidos e que promete ser unha auténtica revolución logo da pandemia. A partir das 20 horas, entre o 3 e o 5 de agosto, diversas agrupacións ofrecerán un auténtico furacán que debe ser vivido en primeira persoa. Troula Animación, Cía Sin Fin, Yera Teatro, Animarts, Ale Hop, La Fam, Zanguango Teatro ou Hortzmuga Teatroe & Deabru Beltzk son algún dos colectivos que encherán Pontevedra de animación e sorpresas.

Entre o 5 e o 6 de agosto, a contorna do Gafos volverá ser un espazo para o ocio e o lecer a través da música dos picadiscos. O Senda Festival é unha proposta nova, que ofrecerá melodías desde ás 18 horas o primeiro día e desde as 12 horas o sábado. Mind Entreprise, Supernatural Project, Russs, Fiuza, Baldman, Akazie, Simona... Dúas xornadas para mover o corpo, pero tamén para gozar dun picnic nunha contorna verde e fresca.

Por último, nesta primeira semana de agosto a Boa Vila vivirá o potente Voz de Muller, que comezará o 6 de agosto e durará até o día 10, ofrecendo sete actuacións distintas de tres tipos: concertos, pasarrúas e monólogos. Afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Pongo, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras.