Monicreques, contacontos, música e moita diversión na segunda xornada do Salón do Libro

Pontevedra
02 de abril 2016

O Pazo da Cultura rexistrou unha alta afluencia de público no segundo día de actividade do Salón do Libro Infantil e Xunvenil, que permanecerá aberto ata o próximo 23 de abril

Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2016
Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2016 / Diego Torrado

Pode que chovese con forza no exterior, sobre todo durante a tarde, pero dentro do Pazo da Cultura a protagonista non era a choiva e si a diversión na segunda xornada do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

A afluencia de público durante toda a xornada do sábado foi importante, para gozar todos dun cargado calendario de actividades con monicreques, contacontos e música.

Arena en los bolsillos Teatro representou no Pazo 'Pequeña Max', unha obra de monicreques para bebés e primeira infancia, pero non foi a única obra do día. O alumnado do IES Mestre Landín ofreceu unha adaptación de 'As peripecias de Extravaganzza Pérez' coa presenza da autora do libro, Ledicia Costas, e ademais Migallas Teatro interpretou varios temas musicais en 'A Bichería Canta!', un espectáculo creado especialmente para a ocasión.

A xornada concluíu coas Noites Abertas trasladadas ao Salón do Libro, co taller de creación dun 'fanzine' e unha gymnkana con probas de puntería, intelixencia, sabedoría e habilidade inspirada en 'Os Xogos da fame', que se titulaba 'Na procura do Sinsajo'.