Mónica Alonso inaugura unha mostra que une a colección permanente do Museo coa arte contemporánea

Pontevedra
10 de maio 2024

A artista, natural da Fonsagrada, abre o ciclo de exposicións denominado 'Infiltracións', coordinado por Martínez Antelo, para explorar a riqueza de tonalidades que presenta o corpo de quince obras de arte galega presentes na colección permanente do Museo de Pontevedra. Esta exposición titulada 'A pel do Museo' inaugurase este venres ás 19.30 horas e vai manterse aberta ata o 15 de setembro

Mónica Alonso presenta 'A pel do Museo'
Mónica Alonso presenta 'A pel do Museo' / Deputación de Pontevedra

'A pel do Museo' é o título da mostra que se inaugura este venres 10, ás 19.30 horas, no Museo de Pontevedra. Poderá visitarse ata o 15 de setembro.

A artista Mónica Alonso é a encargada de abrir un ciclo de exposicións denominado 'infiltracións', coordinado por Iñaki Martínez Antelo, no que se explorarán as tonalidades de quince obras de arte galega pertencentes á colección permanente do Museo.

Ao longo de tres plantas do Edificio Castelao, Mónica Alonso, natural da Fonsagrada, cataloga unha selección de peles de obras de personaxes representados no espazo museístico. As persoas que visiten a exposición contarán cun folleto informativo da composición de cada cor.

"É a ficción dunha muller fascinada coas cores da pel que decide obtelas nas obras de arte", afirma a pintora destacando as cores e matices que recolle realizando un repaso desde pezas barrocas a unha escultura de Leiro, pasando por obras de Maruja Mallo, Arturo Souto ou Castelao, entre outros artistas.

Doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Mónica Alonso caracterízase por investigar a influencia das cores nos estados de ánimo. Realizou proxectos expositivos no Centro Galego de Arte Contemporánea; o Centro Torrente Ballester de Ferrol ou no Museo Provincial de Lugo. 

O seu interese pola arquitectura e pola psicoloxía provocou que realizase o deseño de terapias espaciais, que puxo en práctica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Realizou residencias artísticas en Río de Janeiro, O Cairo e México, país onde recibiu a Bolsa de Excelencia do Goberno Mexicano, coa que levou a cabo o proxecto 'A maxia do colibrí. 6 casos desesperados', que expuxo no Museo MARCO de Vigo en 2020.

Ademais, no 2022 foi nomeada académica de número da academia Galega de Belas Artes.

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Ángeles Tilve, directora do Museo e a propia autora asistiron á presentación da mostra.