A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 20 de xaneiro, o primeiro pleno do ano 2025 que comezou cun minuto de silencio na memoria de Bernardino Graña, falecido a pasada fin de semana.
Poeta do mar e do amor e membro de número da Real Academia Galega, faleceu este sábado en Nigrán. Nado en Cangas no ano 1932, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e a súa voz converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas.
A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada na lírica do autor, que tamén cultivou o teatro e a narrativa, primeiro para o público infantil e logo como novelista serodio cunha nova visión da figura de Xesús, lonxe da ortodoxia católica.
![Minuto de silencio no pleno de Bueu Minuto de silencio no pleno de Bueu](/uploads/s1/46/37/28/7/minuto-de-silencio-no-pleno-de-bueu_4_638x359.jpeg)
En canto á orde do día do pleno, foi unha sesión na que se aprobaron varios asuntos de trámite, como a Conta Xeral do ano 2023, a modificación da composición da mesa de contratación do pleno, a modificación das comisións informativas e unha autorización de compatibilidade para o profesor de música municipal.
No debate estiveron tamén dúas mocións presentadas por Daniel Chapela, concelleiro non adscrito, relativas ao coidado das parroquias e á dinamización da Praza de Abastos, que non saíron adiante.