PODCAST.- Miguel Lago presenta con ‘Persiguiendo a Bécquer’ unha triloxía policíaca bañada en retranca

Pontevedra
20 de novembro 2024

O cómico vigués publica o seu terceiro título, pero esta é a súa primeira novela. Avanza no podcast de PontevedraViva Radio que xa ten asinadas editorialmente outras dúas próximas entregas

O humorista vigués Miguel Lago publica a súa primeira novela
O humorista vigués Miguel Lago publica a súa primeira novela / Espasa

O humorista Miguel Lago ten xa en librarías o seu terceiro libro, 'Persiguiendo a Bécquer'. Tres, aínda que esta é a súa primeira novela.

En 2010 debutou cun manual en español sobre como facer monólogos de humor, stand up. En 2017 publicou 'Gamberro y caballero', un ensaio humorístico ou como o seu autor o define "un libro de famoso".

Escribe unha historia policial empapada en retranca. Unha superestrella da comedia que regresa a España para reconciliarse coa súa filla.

Na súa última noite de actuación no Teatro Real tentan acabar coa súa vida e no correspondente esclarecemento dos feitos, atópase coa inspectora Elena Izaguirre.

Xa desde a portada os lectores enfundan unha imaxe física ao protagonista que apunta directamente ao seu autor. "Bécquer ten todo ao que eu aspirei no profesional e é o compendio de todo o negativo e todo o que me asustou na miña profesión", responde o cómico vigués.

Lago xoga coa ficción e a realidade metendo no relato personaxes, situacións, medios de comunicación…, identificados e identificables.

"É unha España distópica no sentido de que é España pero non o é. Hai unha raíña das mañás en televisión, pero á súa vez coincide con personaxes reais porque enriquecen a historia", explica.

Esta novela chégalle no seu vinte e cinco aniversario sobre os escenarios. Este ano foi un concursante "disfrutón" en 'Tu cara me suena', no outono arrancou unha nova e exitosa tempada no Teatro Alcázar que compaxina coa xira nacional e a colaboración no magazine televisivo de Sonsoles Ónega.

Momento pletórico?, "Chego moi ben. Cando cumpres unha data redonda fai mirar cara atrás. En marzo cumprirá ese aniversario. Tiña 18 anos e sete meses cando me subín ao escenario, miro a ese neno e emocióname ver o que aos poucos fun conseguindo", comenta.

Así, os primeiros vinte e cinco anos profesionais foron moi ben "e os 25 seguintes van ser a ostia" asegura rotundo.

O que nos avanza no podcast 'Cara a cara' dese futuro é que chegarán outros dous libros polo menos, xa que Bécquer ten asinada unha triloxía.