Miguel Fraguas, profesor de música tradicional e veciño de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, puxo en marcha un proxecto audiovisual a través de Youtube co que quere divulgar a vida e obra do seu paisano e gaiteiro Ricardo Portela.
‘Na percura dos recordos’ é o nome da iniciativa cuxo primeiro vídeo xa está dispoñible na canle Azul de Tenorio.
Fraguas conta con financiamento da Xunta a través de Normalización Lingüística e do Concello de Cerdedo-Cotobade.
“A miña idea é facer catro vídeos ao redor de Ricardo Portela. Foi un piar, fundou a Asociación de Gaiteiros Galegos, foi un gaiteiro que non só relacionouse coa súa contorna nas Rías Baixas, senón tamén co norte galego e Ortigueira que foi a comunicación con toda Europa; altofalante fóra da Península e desde logo pola súa forma de tocar” explica.
Fraguas quere igualmente “dar visibilidade a moitísimas persoas das que non se falou ata o de agora e que teñen moito que ver na vida e obra de Portela. Gaiteiros localistas que non teñen unha transcendencia ou fama pero que teñen unha calidade innata e unha pureza na mensaxe que Portela estivo a transmitir”.
Neste primeiro vídeo acompáñase de tres músicos de diferentes xeracións: Wenceslao Cabezas, Alberto Costas e Álvaro Novegil.
Wenceslao Cabezas ‘Polo’, é de Vigo, pandereteiro e profesor de baile, estivo moito tempo vencellado a Portela cunha banda que tiveron en Carballedo. Tamén acompañou a Carlos Núñez entre outros moitos traballos. "É ademais un home que segue na pelexa de dignificar a profesión de gaiteiro".
Alvaro Novegil é de Lérez, Pontevedra, e un referente na técnica do toque pechado da gaita, “é dos que mellor representa o legado de Portela”, explica Miguel.
Pola súa banda Alberto Costas é un dos mellores percusionistas de Galicia, integrante de grupos como Rumbadeira ou Os Carunchos.
Os tres teñen un vínculo persoal e profesional co gaiteiro de Viascón e cos que neste primeiro vídeo Miguel Fraguas quere evidenciar un dos méritos de Portela “que era como un imán que atraía todas as enerxías e conectábaas. Xerou ao seu ao redor moitísima actividade e era un embaixador fantástico”.
A gravación deste primeiro capítulo titulado ‘Xunta en Vigo’ realizouse con Bea Besada Estudo e a intención é seguir gravando en novos emprazamentos.